A Deputación acolle na súa Sede de Vigo un obradoiro e un coloquio ao abeiro da exposición “Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible”
As actividades, que incluirán tamén un visita guiada á mostra, terán lugar este xoves, 12 de decembro, e buscan achegar ao públicos os métodos e ferramentas de traballo que usa a arqueoloxía hoxe en día
09/12/2024
A Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acolle este xoves, 12 de decembro, un obradoiro e un coloquio ao abeiro da exposición “Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible”, que organiza a institución provincial co Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A mostra, que forma parte das actividades de divulgación enmarcadas dentro do convenio entre as dúas institucións para realizar intervencións en xacementos arqueolóxicos da provincia e o estudo dos seus materiais.
Baixo o título “Da arqueoloxía do pequeno e o invisible á arqueoloxía do máis visible”, as actividades previstas para este xoves incluirán un obradoiro de cerámica castrexa de Galicia para profesionais, impartido por Sandra Obarrio, técnica na Fundación Terra Termarum Castrolandín, e que terá lugar de 10:00 a 14:00 horas. O obradoiro conta cun total de 15 prazas e para participar é necesaria a inscrición previa a través de ceramica@castroladin.es. Ademais, pola tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas, celebrarase un coloquio, da man de César Parcero, Carlos Otero, Xosé Lois Armada e María G. Faro e moderado por Rafa Rodríguez, que rematará cunha visita guiada á exposición.
“Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible” é unha exposición que amosa as posibilidades de emprego das novas tecnoloxías na investigación arqueolóxica. Desta maneira, a través de once paneis, fai un percorrido polas novas técnicas de análise de materiais arqueolóxicos -arqueoloxía do pequeno- e as tecnoloxías de prospección e rexistro non invasoras de áreas arqueolóxicas -arqueoloxía do invisible-, ofrecendo unha ollada a algúns dos métodos e ferramentas de traballo que hoxe usa a arqueoloxía e que probablemente rachen a idea máis habitual que se ten desta disciplina.
“Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible” poderá visitarse na Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra ata o próximo 30 de decembro, de luns a venres de 9:00 a 20:30 horas Trátase da primeiras das dúas exposicións proxectadas no marco do acordo de colaboración entre a Deputación e o CSIC, e está concibida como unha introdución na que se explican as tecnoloxías empregadas para traballar nos xacementos da provincia, mentres que a segunda dará conta do conxunto de traballos desenvolvidos ao longo do proxecto.