Luis López presenta investimentos por medio millón de euros da Deputación en Barro para este ano nun encontro institucional co alcalde Fernández Abraldes

O presidente provincial informou de investimentos en mellora de camiños municipais, servizos, saneamento e instalacións deportivas ao abeiro de programas como o +Provincia ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

20/06/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reuniúse co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, do investimento de máis de medio millón de euros que o organismo provincial realizará este ano no municipio ao abeiro de plans como o +Provincia, que este año lle reporta ao Concello 35.000 euros máis que na anualidade anterior; ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Ambos os dirixentes mantiveron este xoves un encontro institucional no despacho presidencial do Pazo provincial no que trataron tamén asuntos de interese mutuo para ambas as institucións. “Repasamos os investimentos que imos facer co Plan +Provincia, que xa todos están aprobados e agora o Concello está apurando os prazos para que sexan unha realidade canto antes. Hai un esforzo importante en mellora de viarios municipais, alumeado público e ampliación do saneamento”, resumiu o presidente López ao remate do encontro.

Ao abeiro do plan +Provincia, a Deputación destinará este ano un total de 495.000 euros ao Concello de Barro. Uns fondos cos que, no correspondente á Liña 1 de investimentos, poderanse levar a cabo accións como a mellora do alumeado público (26.130€), obras de pavimentación en Portela e Agudelo (11.200€), Mellora de viarios en Mane, Triaba, Valiñas e Bretoña (172.000€) ou a ampliación da rede de saneamento en Valbón (50.000€). Así mesmo, este programa achega tamén 41.000 euros en medidas de apoio ao gasto corrente que o Concello emprega para a prestación de servizos municipais (25.000€) ou na organización da Festa do Viño de Barro (22.000€). Do mesmo xeito, os 95.000 euros correspondentes da Liña 3 de fomento do emprego permitirán ao goberno local contratar a sete traballadores.

No tocante ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, a colaboración entre o Concello e a Deputación, que achega 38.200 euros, permitirá facer realidade a substitución da cuberta do pavillón municipal.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reuniúse co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes

Ademais de analizar os proxectos impulsados por estes programas provinciais, López e Abraldes abordaron outro asunto de especial relevancia para ambas as administracións como é a situación do polígono industrial de Curro, da que ambos os dirixentes coincidiron ao destacar o bo momento que atravesa. “Vai moi ben co asentamento de empresas e está funcionando estupendamente”, recoñeceu o alcalde. “O polígono de Barro é referente en Galicia, as empresas o teñen como un lugar onde desexan instalarse polos servizos e comodidades que hai”, engadiu o presidente, aberto a seguir traballando pola mellora dos servizos que se ofrecen neste recinto para que siga medrando.

A reunión, que se enmarca na serie de encontros institucionais que Luis López está a manter con alcaldes e alcaldesas de toda a provincia, transcorreu nun clima de cordialidade e lealdade institucional. Unha vontade de colaboración leal que o rexedor de Barro destacou ao “agradecer que a Deputación teña en conta a autonomía dos Concellos para decidir cales son os investimentos máis necesarios e en que momento”. Unha filosofía que Luis López reafirmou: “Ninguén mellor ca un alcalde ou alcaldesa sabe o que hai que facer no seu concello. Desa autonomía local, queremos facer bandeira”, concluíu.

audios

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López

Alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes