O Museo de Pontevedra pecha o 2023 co mellor dato de visitantes dos últimos 13 anos
En total foron 188.599 as persoas que visitaron durante o pasado ano os edificios do Museo de Pontevedra
04/01/2024
O Museo de Pontevedra pecha o 2023 co mellor dato de visitantes dos últimos 13 anos. En total foron 188.599 as persoas que visitaron durante o pasado ano os edificios museísticos da Deputación de Pontevedra. “É unha satisfacción enorme –destacou o vicepresidente da institución provincial e deputado responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez–, o mellor dato anual desde 2010, o que amosa a boa saúde do Museo”.
Domínguez felicitou ás e aos “responsables do Museo de Pontevedra no 2023, tanto ao anterior director como á actual directora, así como a todas as traballadoras e traballadores da entidade que son os que fan posible que, día a día, medre o interese da xente e se acheguen cada vez máis persoas a coñecer todo o que alí temos”. Tamén aproveitou a ocasión para convidar a “coñecer os tesouros que salvagarda” o Museo a toda sociedade pontevedresa e ás persoas que visitan a cidade.
Os datos do 2023 manifestan un incremento do 8,4 % no número de persoas visitantes con respecto ao 2022 e sitúan o ano pasado como o segundo mellor da historia do Museo en canto a afluencia, soamente superado polo 2010, cando percorreron as súas instalacións 226.646 persoas. En decembro de 2023 o Museo de Pontevedra recibiu un total de 5.165 persoas fronte ás 3.565 que o fixeron no mesmo mes do ano anterior.