A Deputación leva este venres ata Moraña a proxección de “¡Salta!” no marco do Ciclo Mestre Mateo

A película poderá verse no Multiúsos da vila ás 19:30 horas

25/12/2024

O Multiúsos de Moraña acolle este venres 27 de decembro unha proxección cinematográfica do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, ás 19.30 horas, exhibirase o filme “¡Salta!”, dirixido por Olga Osorio e protagonizado por Tamar Novas, Mario Santos, Marta Nieto e Rubén Fulgencio, entre outros.

En “¡Salta!” Óscar e Teo son dous irmáns, moi distintos entre si, que viven nun modesto piso de barrio. Teo é futboleiro e un pouco fervellasverzas, Óscar un sabichón que prefire pasar as tardes de verán estudando a teoría da relatividade. En realidade, cada un lidia á súa maneira coa desaparición da súa nai, unha prometedora científica obsesionada cos buratos de verme.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo chegará, ademais de a Moraña, a Ribadumia, Cerdedo-Cotobade, e As Neves. Ademais de “¡Salta!”, a película que chega este venres a Moraña, e de “Fatum”, “O Corno” e “Matria” ao abeiro deste Ciclo poderase desfrutar dos documentais: “Emoción, vida e teatro, a nave das Marías”, “A viaxe de Lucy”, “Chichi e mais eu” e a gañadora do Mestre Mateo ao mellor documental “Os espazos en branco”.