A Deputación leva este mércores a Moraña unha dobre sesión de cinema no marco do Ciclo Mestre Mateo

O Edificio multiúsos acollerá as proxeccións de “Os espazos en branco” e “A viaxe de Lucy” a partir das 18:00 horas

16/12/2024

O Edificio multiúsos de Moraña acolle este mércores 18 de decembro unha sesión dobre de proxeccións cinematográficas do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra. A finalidade desta iniciativa é achegar aos concellos da provincia as longametraxes e curtametraxes tanto de ficción como documentais que resultaron finalistas na última edición dos premios do audiovisual galego. Na sesión deste mércores, que comezará ás 18:00 horas, exhibiranse “Os espazos en branco”, dirixida por Bruno Arias, e “A viaxe de Lucy”, dirixida por Ruth Chao.

“Os espazos en branco” está centrada na figura da poeta Xela Arias, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 2021 conseguindo converterse nun éxito de vendas sen precedentes. O director da cinta é sobriño da autora, que morreu cando el só tiña cinco anos e da que ten a “espiña cravada” de que, malia ser unha das persoas que máis o influíron na súa vida, apenas lembra nada dela en vida. 18 anos despois da súa perda, Bruno Arias decide transitar as caras e lugares que viviu a súa tía para dar luz a este conflito interno a través da primeira herdanza que lle deixou: o impulso creativo.

“A viaxe de Lucy” é unha película documental que narra unha apaixonante misión espacial da NASA a través dos ollos de catro mentes brillantes: as de Hal Levison, Cathy Olkin, Donya Douglas e Matt Cox. A documental derriba os clixés do oficio a través da intimidade destes catro científicos e, cun toque de humor, inspira as novas xeracións para que persigan os seus soños. Esta segunda proxección, que irá a continuación da de “Os espazos en branco”, comezará arredor das 19:30 horas.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo está a chegar aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia. Ademais de “Os espazos en branco” e “A viaxe de Lucy” tamén haberá proxeccións de “O Corno”, “Matria”, “Fatum”, “Salta!”, “Emoción, vida e teatro, a nave das Marías” e “Chichi e mais eu”, así como sesións de curtametraxes.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.