A Deputación avanza no proxecto de mellora da estrada provincial que une Ponte Ribadil e Crecente, cun orzamento de 240.000 euros

O presidente Luis López destacou que a institución provincial financiará o 80% desta actuación que permitirá, entre outras iniciativas, dotar a vía dunha senda peonil de preto de 600 metros de longo

07/02/2025

Xunta de Goberno

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a institución provincial aprobou o expediente para contratar as obras de mellora da estrada provincial EP-5005 entre os núcleos de Ponte Ribadil e Crecente. A actuación “foi acordada a través dun convenio co Concello de Crecente e ímola financiar ao 80% desde a Deputación, con 200.000 euros”, sinalou o presidente, mentres que o concello se encargará do 20% restante (40.000 euros).

As obras proxectadas pola Deputación permitirán mellorar tanto o tráfico rodado como o peonil, con medidas como a execución dunha senda peonil pola marxe esquerda da estrada de 2,5 metros de anchura e preto de 600 metros de longo. O proxecto tamén contempla a instalación de pasos de peóns sobreelevados ou a redución da velocidade máxima permitida na vía. Ademais, tamén se colocarán novas luminarias e se renovará toda a canalización da rede de iluminación, así como a rede de recollida de augas pluviais, entre outras actuacións. As obras estarán localizadas entre os puntos quilométricos 11+980 e 12+550.

Luis López lembrou que esta é unha primeira actuación contemplada nesta estrada, pero que a Deputación xa está traballando co Concello para seguir mellorando o resto da vía. “Queremos convertela nun espazo 100% accesible, moderno e con todas as garantías de seguridade tanto para peóns como para vehículos -confirmou López-. Seguimos así avanzando na mellora das estradas provinciais, nas vías que vertebran o noso territorio, atendendo cada un dos máis de 1600 quilómetros que integran a nosa rede para convertela nunha infraestrutura propia do século XXI”.