A Deputación de Pontevedra da luz verde á execución da humanización da rúa de San Roque no Concello de Vigo

A institución provincial aprobou hoxe o convenio que permitirá o financiamento desta obra de mellora da mobilidade urbana sostible, cun custe de 2,27 millóns de euros, ao abeiro do acordo de colaboración subscrito entre ambas as dúas administracións

10/09/2024

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio que permitirá o financiamento da obra de humanización na rúa San Roque, unha actuación prevista polo Concello de Vigo no marco do convenio de colaboración subscrito entre ambas as dúas administracións.  

A intervención, que se desenvolverá nun tramo de 247 metros, busca corrixir unha deficiente distribución dos usos actuais, con beirarrúas estreitas que dificultan o paso de peóns e un viario que se atopa en moi mal estado de conservación, entre outras eivas de entidade.

Cun coste estimado da obra de 2.271.099 euros, contará cunha achega por parte da Deputación de 1.569.494 euros. Correspondendo así preto do 70% a fondos provinciais, mentres que o Concello de Vigo asumirá a parte restante na cantidade de 701.605 euros.  

Os traballos, segundo figura na memoria técnica do proxecto, contemplan unha importante distribución dos espazos coa creación dunha praza entre San Roque e Couto de San Honorato, ademais de renovar a pavimentación do viario, as beirarrúas e alumeado público e instalar rego automático nas novas zonas axardinadas. A intervención preservará o sentido único de circulación actual e reservará prazas de estacionamento nas rúas Talude e Avenida Alcalde Gregorio Espino.

Así as cousas, esta actuación derivará nunha mellora considerable da mobilidade e seguridade de peóns e vehículos, aproveitando a actuación para renovar as redes de saneamento e abastecemento. Compre lembrar que por esta rúa discorre unha das principais arterias do servizo que transporta auga dende a Etap do Casal, e que a totalidade da rede de abastecemento existente neste ámbito é de fibrocemento. De maneira que, unha vez finalizada a súa vida útil, é precisa a súa renovación integral.

Esta previsto que esta obra comece no primeiro trimestre do vindeiro ano cun prazo de execución 11 meses.

Tras firmar a pasada semana o convenio para a execución das ramplas mecánicas entre as rúas Álvaro Cunqueiro e Tarragona, na rúa Pintor Colmeiro, este é o segundo dos tres convenios que firmarán a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo por un importe conxunto de 6,2 millóns de euros. Trátase da solución proposta pola institución pontevedresa para rescatar as partidas que estaban próximas a caducar correspondentes aos proxectos que o Goberno local non foi capaz de executar no marco do convenio vixente. Unha medida que salva investimentos para a cidade que doutro xeito perderíanse.

Estas actuacións completa outros proxectos xa comprometidos para a cidade de Vigo, entre os que se atopan os 13 millóns de euros da grada de Gol de Balaídos ou os 4,6 millóns de euros destinados á compra do Cine Fraga. En suma, 30 millóns de euros, o investimento máis alto da historia da Deputación na cidade de Vigo.