Luisa Sánchez asiste á presentación da Gran Bikedada, que se celebrará o 9 de febreiro co apoio da Deputación
28/11/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este xoves en Vigo na presentación da undécima edición da Gran Bikedada, unha proba de bicicleta de montaña que conta co apoio da institución provincial e que chegará aos montes do sur da provincia o 9 de febreiro de 2025. A vicepresidenta sinalou que “a proba está chea de valores, impregnada do espírito de mellora, da filosofía de avance constante e de adaptación ás circunstancias e aos obstáculos”.
Luisa Sánchez asegurou que “aínda que a Gran Bikedada é unha proba de alto nivel, non deixa de ter unha esencia popular ligada ao compañeirismo, a integración, a diversidade e o respecto ao medio”, e ligouno aos obxectivos da Deputación, que “aposta polo deporte para crear unha sociedade máis activa e fomentar hábitos saudables na sociedade”, ademais de consolidar o turismo deportivo “para que a xente veña gozar de todo o que a provincia ofrece”. A vicepresidenta provincial salientou que o deporte é unha área “prioritaria” para o executivo provincial e ilustrou ese compromiso coa suba dun 15% de recursos en 2025 para esta área, ata os 6,4 millóns, sen contar os 8 millóns do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. “Con iniciativas como a Gran Bikedada estamos máis preto de converternos no grande estadio deportivo do mundo”, concluíu Luisa Sánchez.