Luisa Sánchez asiste á inauguración do Salón do Automóbil de Vigo, o evento de maior proxección da industria do motor galego

12/03/2025

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este martes á inauguración do XXXIV Salón do Automóbil de Vigo, que chega a partir de hoxe ao IFEVI co apoio da Deputación. De feito, a institución provincial duplicou a súa colaboración, ao apoiar tamén o MotorOcasión que se celebrará no IFEVI a partir do próximo 20 de marzo. A vicepresidenta Sánchez lembrou que o ano pasado “pasaron polo recinto 40.000 persoas con preto de 15 millóns en vendas”, e augurou un novo éxito do Salón no que este ano se citan 40 marcas.

Luisa Sánchez lembrou o gran “volume de negocio que move a automoción nesta cidade” e en Galicia, “cunha facturación de 13.000 millóns de euros que equivalen ao 16% do PIB galego”. “Este sector atopou en Vigo o lugar perfecto para medrar, ser máis produtivo e máis competitivo, porque Vigo non só é o motor de Galicia senón a cidade do motor en Galicia”. O Salón do Automóbil de Vigo, como lembrou a vicepresidenta da Deputación, “contribúe como ningunha outra cita a proxectar a imaxe da industria e a distribución comercial de Vigo, da provincia e de Galicia”.