Luis López defende no Parlamento de Galicia as “contas dunha provincia extraordinaria” que destina máis dun terzo dos 209 millóns á cooperación cos concellos

O presidente provincial presenta por segundo ano consecutivo unhas contas de récord que reforza áreas estratéxicas coma infraestruturas (24M€), deporte (6,4M€), turismo (6M€), cultura (5M€) e acción comunitaria (2,4M€)

30/10/2024

Luis López na presentacións dos orzamentos 2025 no Parlamento de Galicia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este mércores por segundo ano consecutivo no Parlamento de Galicia o Orzamento do organismo provincial para o vindeiro ano 2025. Fíxoo na Comisión Terceira de Economía e Facenda, o foro recollido polo Estatuto de Autonomía para presentar estes plans e o mesmo foro do que a Deputación de Pontevedra estivo ausente durante os sete anos anteriores á toma de posesión de Luis López como presidente da Deputación. O dirixente provincial deu conta do maior Orzamento da historia da Deputación, 209 millóns de euros, un 10,5 % e 20 millóns máis ca os do presente ano 2024.”Unha provincia extraordinaria como a de Pontevedra disporá dunhas contas igualmente extraordinarias”, defendeu o presidente López.

Despois sinalar como “extraordinaria” a capacidade da provincia para “sobresaír en todos os eidos” e de “extraordinarios” os retos que ameazan o funcionamento dos pequenos e medianos concellos, o mandatario provincial marcou como o alicerce principal deste Orzamento, que volverá entrar en vigor o 1 de xaneiro “nun exercicio de planificación e estabilidade política” , a cooperación cos concellos, aos que o goberno provincial outórgalles máis dun terzo dos seus recursos. “Reforzaremos o municipalismo cunha inxección sen precedentes ao financiamento dos pequenos e medianos municipios”, afirmou Luis López en referencia ao acto no que reuniu a rexedores de toda a provincia para presentar os proxectos de investimento provinciais para o vindeiro ano que superan os 91 millóns de euros. A segunda edición do Plan +Provincia, que volve tocar teito cun importe de 48,2 millóns de euros, volverá ser a pedra de toque do proxecto provincial. Un programa ao que se unen outros dous extraordinarios fóra do orzamento: o Plan Extra, dotado con 35 millóns de euros para executar obras estratéxicas; e o de Infraestruturas Deportivas, que dobra a súa dotación ata os 8 millóns de euros para seguir a consolidar a Pontevedra como a provincia do deporte.

“Un salto cualitativo sen precedentes que chega, ademais, no momento máis oportuno. Os pequenos e medianos concellos son os que máis necesitan, son os que máis esixen e serán, pois, os que máis reciban”, alegou o dirixente. Un esforzo que se combina co mantemento da axenda investidora nas dúas grandes cidades da provincia: Vigo e Pontevedra. “O orzamento reservará 7,5 millóns para desenvolver actuacións nas cidades da man dos seus respectivos gobernos locais e garantir a súa execución. Isto resulta especialmente importante para evitar a perda de recursos e a frustración veciñal. Así como de nada vale falar sen facer, tampouco serve orzamentar sen executar”, enfatizou o mandatario lembrando os 6,2 millóns de euros rescatados para distintos proxectos de mobilidade ou os 5,3 millóns para a Grada de Gol de Balaídos, en Vigo; ou os 1,1 millóns de euros que servirán para recuperar a Bienal de Arte de Pontevedra logo de 14 anos de ausencia.

“O goberno provincial traballa incansablemente para que todos os concellos se sintan beneficiados dentro dun reparto de recursos obxectivo e extraordinario”, subliñou Luis López, facendo referencia ao contacto fluído cos rexedores, ao incremento da axuda intermunicipal dun 14 %, ao bo funcionamento de servizos delegados como o da recadación de impostos que permitiu ingresar 2 millóns de euros adicionais en concepto de IBI pola AP-9 en doce municipios en contraposición co trato desigual que prestan outras Administracións aos seus territorios.

Ademais da cooperación cos concellos, o Orzamento da Deputación centra tamén como eixos estratéxicos como o deporte, o turismo, a cultura ou a acción comunitaria.

O deporte, complemento ideal do turismo

“Pontevedra é a provincia do deporte”, afirmou o presidente antes de informar dun “salto de campionato” nas partidas deste departamento que acadan os 6,4 millóns de euros, un 15 % máis que o ano anterior, e que inclúen novas axudas para a adquisición de vehículos e outros activos para o tecido deportivo, a creación dunha cátedra do deporte en colaboración coa Universidade de Vigo ou un incemento do 51 % na liña de subvencións para organizar eventos deportivos de interese turístico.

“A provincia é un segundo fogar para millóns de persoas grazas ao turismo”, introduciu o dirixente antes de detallar unha partida que medra nun 8 %. Preto de 6 millóns de euros que engloban accións dirixidas a mellorar as axudas a festas de interese turístico internacional, a insistir na promoción do destino en eventos internacionais e nacionais para captar público estranxeiro ou potenciar a marca dos Rías Baixas Fest.

“En Cultura falamos de Santa Clara, da Bienal, do Cine Fraga ou a celebración da Gala dos Mestre Mateo en Lalín”, puntualizou López para presentar unha partida de 5 millóns de euros, un 14 % máis que no 2024, para impulsar o primeiro circuíto de artes escénicas da provincia, o +Escénicas; dar continuidade a programas novidosos como Pontevedra Literaria ou apoiar aos colectivos e entidades con 200.000 euros en axudas para a adquisición de instrumentos musicais ou vestiario.

“Outra das nosas bandeiras, a Acción Comunitaria, recuperada por este goberno tras anos de ostracismo”,  avanzou o mandatario provincial unha partida dotada cun 20 % máis de orzamento para reforzar o +Aqua para colaborar coas comunidades de usuarios de auga, para promover o asociacionismo co Plan Provincia Comunitaria, o impulso de comunidades enerxéticas ou o exitoso programa +Convivir.

Reforzo das Infraestruturas

Así mesmo, fixo fincapé no compromiso co cumprimento das competencias da Deputación en materia de infraestruturas, área á que a Deputación destina 24 millóns de euros, unha suba de 7 millóns para seguir mantendo en perfecto estado os máis de 1.600 quilómetros da rede de vías provinciais.

Do mesmo xeito, repasou Luis López outros esforzos importantes como a promoción de emprego, que crece nun 7,5 %; benestar social, nun 6 %; Normalización Lingüística, nun 9 %; ou novas iniciativas en materia de igualdade como os premios Boas Prácticas e o certame escolar “E ti que pensas da Igualdade?”.

Con todo, tamén quixo facer referencia o presidente da Deputación aos compromisos herdados polo goberno anterior da Deputación. “En 2025 a Administración provincial comezará a devolver o crédito de 25 millóns de euros, máis intereses, solicitado polo anterior goberno bipartito para financiar o chamado Plan REACPON”, explicou o dirixente. Durante dez anos, a Deputación pagará 2,5 millóns de euros a dúas entidades bancarias. Algo que non ocorrerá co Plan Extra, que se financia con fondos propios da Deputación.

“Se o ano pasado había moitas primeiras pedras, este ano hai moitos feitos. Pero, sobre todo, hai un proxecto de transformación que está en marcha que nace e se inspira no que é Pontevedra: unha provincia extraordinaria”, concluíu o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, no Parlamento de Galicia.