Luis López comproba o remate dunha nova obra na EP-2703 para mellorar a seguridade que conecta Ponteareas e Pazos de Borbén tras 710.000€ de investimento

O presidente da Deputación, acompañado pola deputada Belén Cachafeiro e os rexedores Nava Castro, de Ponteareas; e Luciano Otero, de Pazos de Borbén; revisa as obras de asfaltado executadas ao longo de 11 quilómetros desta estrada provincial

06/03/2025

Luis López comproba o remate dunha nova obra na EP-2703

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o impulso á mellora da seguridade viaria que está a desenvolver o ente provincial nunha rede de estradas provinciais que superan os 1.600 quilómetros de lonxitude. Fíxoo nunha visita ao concello de Pazos de Borbén para comprobar o remate dunha intervención encamiñada a mellorar a seguridade viaria da estrada EP-2703 entre as localidades de Pazos e Ponteareas, na que a Deputación investiu 710.000 euros. "A mellora da rede viaria provincial é un dos piares da nosa acción de goberno", afirmou o mandatario provincial despois de percorrer unha parte dos 11 quilómetros de treito no que se actuou acompañado polos rexedores de ambos os concellos beneficiados por esta intervención, Luciano Otero, de Pazos de Borbén; e Nava Castro, de Ponteareas e tamén deputada provincial; así como pola responsable de Infraestruturas na Deputación, Belén Cachafeiro.

A obra consistiu na reposición do firme ao longo de once quilómetros dunha vía que vertebra a comarca e conecta os concellos de Pazos de Borbén e Ponteareas. A actuación serviu tamén para implantar sistemas de contención en distintos puntos da vía, construír cunetas de seguridade e mellorar o sistema de drenaxe. O proxecto, que supuxo o investimento de máis de 710.000 euros, foi financiado ao 100 % pola Deputación. "Tanto no 2024, como neste comezo do 2025, non hai semana na que non haxa novidades en materia de infraestruturas. Este tipo de obras contribúen a modernizar a rede de estradas provinciais, a mellorar a seguridade viaria e promove unha mobilidade máis sustentable", argumentou o dirixente.

A visita serviu tamén para facer un repaso doutros investimentos promovidos pola Deputación en materia viaria tanto en Bazos de Porbén como en Ponteareas. Neste último, o ente provincial destinou máis de 770.000 euros á mellora viaria ao longo dos anos 2023 e 2024 e, entre outras medidas, está en marcha o procedemento de adxudicación dunha mellora da sinalización nesta mesma estrada EP-2703 valorada en preto de 30.000 euros. Por outra banda, no concello de Pazos de Borbén, o investimento en infraestruturas por parte da Deputación nos anos 2023 e 2024 superou os 450.000 euros e está en fase de tramitación, despois de que o goberno de Luis López lograra desbloquear o convenio, o proxecto de ampliación e mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-2702 entre Amoedo e Os Valos.

Un compromiso firme coa mellora das estradas provinciais por parte da Deputación que se traduce unha partida orzamentaria destinada a Infraestruturas que medra este ano en 8 millóns de euros ata situarse en 24 millóns. O apoio aos 61 concellos da provincia é outra das liñas mestras da Deputación, unha colaboración que, no caso de Pazos de Borbén, se traduce nun investimento máximo de 1 millón de euros; e no caso de Ponteareas, 2,62 millóns de euros, previstos para este ano 2025 a través dos distintos plans de cooperación que ten en marcha o goberno provincial.

Galerias de imaxes