O artista Alberto Baraya desprega a vela dun bote polbeiro no Museo de Pontevedra na exposición ‘Vento’
A mostra, que se inaugurou hoxe, leva ás salas pinturas e gravados relacionados co mar conservados no Museo e que habitualmente non se expoñen
25/10/2024
O Museo de Pontevedra inaugurou esta tarde a exposición ‘Alberto Baraya. Vento’. É a segunda mostra do ciclo ‘Infiltracións’, que convida a artistas contemporáneos a dialogar cos fondos do Museo. Nesta ocasión, o colombiano Alberto Baraya realizou este verán unha acción artística na que pintou a vela dun bote polbeiro mentres navegaba pola ría. Esa vela intervida polo artista exhíbese agora no Edificio Castelao, enfrontada a obras seleccionadas da colección de pintura e gravado e outros elementos relacionados co mar que conserva o Museo.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, inaugurou a exposición xunto á directora do Museo, Ángeles Tilve, o comisario Iñaki Martínez Antelo, e o artista, Alberto Baraya. Domínguez agradeceu ao artista o seu traballo, e puxo o acento en que “estas colaboracións son fantásticas e nos rexuvenecen, dannos outra mirada sobre o Museo”. Tamén a directora subliñou que o proxecto ‘Infiltracións’ ofrece novas visións que contribúen a que “todo tipo de público se sinta integrado no Museo”.
A exposición sitúase na primeira planta do Edificio Castelao. Alí está despregada a vela pintada por Baraya. En agosto deste ano, o artista subiuse en Bueu a unha embarcación tradicional, en concreto un bote polbeiro, e pintou na súa vela a paisaxe que o rodeaba, mentres a barca navegaba pola ría. Foi unha acción desenvolvida grazas á colaboración da asociación de amigos das embarcacións tradicionais Os Galos, de Bueu, e da Escola Naval de Marín.
Alberto Baraya, pintor, fotógrafo e viaxeiro contemporáneo, céntrase neste proxecto nas numerosas pinturas de paisaxes mariñas, maquetas de embarcacións, instrumentos de navegación e outros elementos relacionados co mar que habitan a colección do Museo e evidencian o fondo arraigamento da nosa tradición mariñeira. Baraya quere poñer en valor períodos históricos nos que parece ser que se chegaron a utilizar velas de barco como soporte para elaborar pintura colonial en América. Así mesmo, recupera a tradición pictórica da paisaxe, resignifica a práctica da pintura plenairista e referencia determinadas experiencias pictóricas conceptuais.
Na sala da exposición exhíbese a vela pintada na súa travesía pola ría, a modo de gran lenzo, acompañada dunha peza de vídeo que resume a acción. Ademais, móstranse un conxunto de cadros, gravados debuxos, maquetas de barcos e outros elementos, todos relacionados co mar e pertencentes ás coleccións do Museo de Pontevedra. Son, na súa maioría, obras que habitualmente non están expostas, polo que a mostra é tamén unha oportunidade para achegarse a unha parte pouco coñecida da riqueza artística que posúe o Museo.
Entre as obras expostas atópanse óleos de Jenaro Pérez Villaamil e do seu irmán Juan, de Carmen Babiano, Navarro Lloréns ou Martín Rico Ortega, entre outros, ademais dunha vista de Venecia pintada por William James no século XVIII. Tamén hai augadas de Rafael Alonso e outros, debuxos de Ramón Gil e Castelao e gravados dos séculos XVIII e XIX. Completan a exposición maquetas de dorna, polbeiro e gamela e outras pezas curiosas, como unha pementeira feita cunha pinza de boi. Nese sentido, Ángeles Tilve subliñou que “é importante que podamos mostrar obras que habitualmente están nos almacéns e que están moi ben conectadas coa obra de Alberto Baraya”.
En palabras do propio artista, “este proxecto expón unha reflexión sobre os medios físicos da pintura e da navegación a vela. Se o proceso dunha viaxe, antes de partir, comeza coa concepción dunha idea, dunha utopía nas nosas mentes, ‘Vento’ permite a formación desa imaxe entre o porto de saída e de chegada. A imaxe devén realidade (pintura) durante o traxecto; ‘Vento’ sopra a imaxe que impulsa unha viaxe. Ao chegar, probablemente poderemos constatar que esa imaxe era, efectivamente, unha necesaria ilusión”
Esta é a segunda mostra do proxecto ‘Infiltracións’, un ciclo de exposicións comisariado por Iñaki Martínez Antelo que arrancou en maio deste ano coa mostra ‘Mónica Alonso. A pel do Museo’. Cada ano convídase a dous artistas para que presenten as súas obras en diálogo coa colección permanente do Museo de Pontevedra. O obxectivo é fomentar a construción colectiva de aprendizaxes e achegarse a distintos públicos. Así, cada artista convidado crea obras específicas coas que se van incorporando progresivamente os discursos contemporáneos ao Museo, sempre en relación con obras da colección, ofrecendo novas lecturas sobre os fondos.
Alberto Baraya
Nacido en Bogotá en 1968, Alberto Baraya é licenciado en Artes pola Universidade Nacional de Colombia, cun mestrado en Estética e Teoría da Arte da Universidade Autónoma de Madrid. Iniciou a súa práctica artística en 1992, empregando a fotografía, o vídeo e a instalación.
A obra de Baraya sempre cuestionou o paradigma científico e defendeu a arte como forma de coñecemento e ferramenta de reflexión sobre os actos estéticos da vida cotiá. Desde 2002 Baraya desenvolveu un dos seus traballos máis celebrados: o proxecto ‘Herbario de plantas artificiales’, un conxunto paródico de recoleccións e estudos de botánica falsa; plantas de plástico, arame e seda made in China, co que tentar reconstruír a identidade das relacións entre o ser humano e a natureza. As súas coleccións artificiais foron presentadas nas bienais de arte de São Paulo (2006), Venecia (2009), Berlín (2014) e Shanghai (2019).