Luis López aborda con Francisco de la Torre, cuestións transcendentais para o municipalismo como o turismo e o papel da cultura no desenvolvemento local
O presidente provincial é recibido polo rexedor malagueño, unha voz autorizada na administración local do país con máis de 20 anos de traxectoria á fronte do goberno local, nunha viaxe de traballo para dar a coñecer as Rías Baixas na Costa do Sol
16/10/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, foi recibido nesta tarde de mércores no Ayuntamiento de Málaga polo alcalde, Francisco de la Torre. Un encontro institucional co rexedor malagueño que serviu para estreitar lazos entre ambas administracións, abordar asuntos de interese mutuo e conversar sobre a vocación municipalista que unen a ambos os dirixentes.
Este encontro enmárcase nunha visita á cidade de Málaga que o dirixente pontevedrés está a realizar este mércores con motivo da súa participación nun seminario sobre turismo, no que participan empresas do sector das provincias de Pontevedra e de Málaga, para presentar o destino e a oferta turística das Rías Baixas. Unha viaxe que Luis López aproveitou para tender pontes co Ayuntamiento e coa Deputación de Málaga, pois tamén foi recibido polo presidente provincial Jose Francisco Salado.
Nesta recepción cunha das grandes figuras do municipalismo nacional como é Francisco de la Torre, rexedor malagueño desde o ano 2000 e artífice da explosión cultural e turística da capital da Costa do Sol así como da transformación urbana da cidade malagueña, Luis López tratou asuntos de grande relevancia para as administracións locais como son a desestacionalización e a sustentabilidade no turismo ou a importancia do apoio á cultura e a programación de eventos culturais para o desenvolvemento provincial e dos concellos.