A Deputación de Pontevedra envía ao Concello de Vigo o convenio do proxecto de mellora da accesibilidade na rúa Juan Ramón Jiménez
A institución provincial acaba de dar vía libre ao financiamento desta obra de mellora da mobilidade urbana sostible, cun custe de 1,14 millóns de euros, ao abeiro do acordo de colaboración subscrito entre ambas as dúas administracións
12/09/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de dar vía libre ao convenio que permitirá o financiamento do proxecto de mellora da accesibilidade na rúa Juan Ramón Jiménez, unha actuación prevista polo Concello de Vigo no marco do convenio de colaboración subscrito entre ambas as dúas administracións.
Esta intervención busca principalmente salvar un desnivel de 11 metros, entre as rúas de Marqués de Valterra e Torrecedeira, coa a instalación dun elevador que substitúa ás escaleiras de forte pendente que a día hoxe dificultan o transito peonil.
Cun custe estimado da obra de 1.148.557 euros, contará cunha achega por parte da Deputación de 759.325 euros. Correspondendo así preto do 70% a fondos provinciais, mentres que o Concello de Vigo asumirá a parte restante na cantidade de 389.232 euros.
Os traballos, segundo figura na memoria técnica do proxecto, contemplan ademais da instalación dun ascensor exterior para esquivar o desnivel entre Marqués de Valterra e Torrecedeira, a ampliación das beirarrúas e a renovación das canalizacións, pavimentación, alumado e mobiliario urbano. Asemade, recóllese a instalación dunha rede de pluviais e novas columnas semafóricas. Neste caso, o inicio das obras está previsto entre xaneiro e marzo do 2025, cun prazo de execución de 8 meses.
Tras firmar o convenio para a execución das ramplas mecánicas entre as rúas Álvaro Cunqueiro e Tarragona, na rúa Pintor Colmeiro, e a humanización da rúa San Roque, este é o terceiro e derradeiro convenio que firmarán a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo por un importe conxunto de 6,2 millóns de euros. Trátase da solución proposta pola institución pontevedresa para rescatar as partidas que estaban próximas a caducar correspondentes aos proxectos que o Goberno local non foi capaz de executar no marco do convenio vixente. Unha medida que salva investimentos para a cidade que doutro xeito perderíanse.
Estas actuacións completan outros proxectos xa comprometidos para a cidade de Vigo, entre os que se atopan os 13 millóns de euros da grada de Gol de Balaídos ou os 4,6 millóns de euros destinados á compra do Cine Fraga. En suma, 30 millóns de euros, o investimento máis alto da historia da Deputación na cidade de Vigo.