A Deputación pon en marcha un novo Consorcio Erasmus+ con 43 centros da provincia para seguir impulsando a mobilidade internacional
O grupo, que conta con 4 integrantes máis respecto ao anterior, presentará unha solicitude de proxecto ao SEPIE dentro da convocatoria 2025 do Programa Erasmus+
08/02/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar a lista dos 43 centros educativos de 24 concellos que formarán parte do seu novo Consorcio de Mobilidade, un aumento de 4 respecto aos 39 do consorcio anterior. O grupo constituído presentará unha solicitude ao Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) dentro da convocatoria de propostas 2025 do Programa Erasmus+ para impulsar a mobilidade internacional do alumnado da provincia e realicen prácticas profesionais en empresas e organizacións de países europeos.
Forman parte do renovado consorcio centros de Caldas de Reis (CPR San Fermín Somascos), Cambados (IES Francisco Asorey), Cangas do Morrazo (IES de Rodeira), A Cañiza (IES da Cañiza), A Estrada (IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez), Gondomar (IES Plurilingüe Terra de Turonio), A Illa de Arousa (Instituto Galego de Formación en Acuicultura), Lalín (IES Ramón María Aller Ulloa e IES Laxeiro), Marín (IES Chan do Monte), Moaña (IES Plurilingüe A Paralaia), As Neves (EFA A Cancela), Poio (IES de Poio), Ponteareas (CIFP A Granxa e IES Pedra da Auga), Pontevedra (CFEA Lourizán, CIFP A Xunqueira, CIFP Montecelo, IES Frei Martín Sarmiento, IES Luís Seoane e IES A Xunqueira I) ou O Porriño (IES Ribeira do Louro).
Tamén o integran centros de Redondela (Colegio Vigo, IES de Chapela e IES Pedro Floriani), Salvaterra de Miño (IES Salvaterra de Miño), Sanxenxo (IES de Vilalonga), Silleda (IES Pintor Colmeiro), Tomiño (IES Antón Alonso Ríos), Tui (IES Indalecio Pérez Tizón), Vigo (IES Ricardo Mella, CEBEM Formación Profesional, CIFP de Coia, CIFP Manuel Antonio, CPR Estudios Marcote, CPR San Miguel, Divino Maestro Fundación Educativa, Escuela De Formación Del Atlántico, IES Audiovisual de Vigo, IES A Guía e Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo), Vila de Cruces (IES Marco do Camballón) e Vilagarcía de Arousa (IES Armando Cotarelo Valledor).
As persoas beneficiarias (principalmente estudantes, pero tamén docentes e persoal non docente que traballe neste ámbito) poderán realizar a mobilidade en países pertencentes á Unión Europea (Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, República Checa, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, Romanía e Suecia) ou terceiros países asociados (República de Macedonia do Norte, Islandia, Liechtenstein, Noruega, Turquía e Serbia).