A Deputación leva este venres ata Ribadumia a proxección de “O Corno” no marco do Ciclo Mestre Mateo

A película poderá verse no Auditorio Municipal de Ribadumia ás 21:00 horas

09/10/2024

O Auditorio Municipal de Ribadumia acolle este venres 11 de outubro unha proxección cinematográfica do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, ás 21.00 horas, exhibirase o filme "O Corno", dirixido por Jaione Camborda e protagonizado por Janet Novás, Siobhan Fernándes ou Carla Rivas, entre outros.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo chegará, ademais de a Ribadumia, a Cerdedo-Cotobade, Moraña e As Neves, e está composta por sete películas: tres longametraxes de ficción e catro documentais. Desta maneira, á provincia chegarán "O corno" e "Matria" despois do seu exitoso paso polos festivais de San Sebastián e Málaga, e que foron, ademais, as grandes vencedoras da XXII edición dos Premios Mestre Mateo.

Ademais de "O Corno", a película que chega este venres a Ribadumia, e de "Fatum" e "Matria" ao abeiro deste Ciclo poderase desfrutar da longametraxe de ciencia ficción "¡Salta!", ademais dos documentais: "Emoción, vida e teatro, a nave das Marías", "A viaxe de Lucy", "Chichi e mais eu" e a gañadora do Mestre Mateo ao mellor documental "Os espazos en branco".