A Deputación proxecta o documental “Chichi e mais eu” en Cerdedo-Cotobade no marco do Ciclo Mestre Mateo

A película poderá verse este domingo na Casa do Pobo de Almofrei ás 18:30 horas

14/11/2024

A Casa do Pobo de Almofrei, en Cerdedo-Cotobade, acolle este domingo 17 de novembro unha proxección cinematográfica do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra coa finalidade de achegar as longametraxes e curtametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, que comezará ás 18:30 horas, exhibirase a cinta documental “Chichi e maus eu”, dirixida por Nico Campos.

“Chichi e maus eu” está centrada na figura de Xesús “Chichi” Campos, pioneiro do cómic galego, galerista, humorista e figura de relevancia na loita antifranquista. Malia o seu carácter pioneiro, é unha das figuras máis esquecidas da cultura galega. O documental percorre a vida e obra de autor trinta anos despois da súa morte e da man do seu fillo, que intenta responder as preguntas que deixou sen facer (tiña 11 anos no momento do seu pasamento).

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo chegará aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia. Ademais de “Chichi e mais eu”, tamén haberá proxeccións de “O Corno”, “Matria”, “Fatum”, “A viaxe de Lucy”, “¡Salta!”, “Emoción, vida e teatro, a nave das Marías” e “Os espazos en branco”.