A Deputación destina 100.000 € a que 14 asociacións de 8 concellos recuperen e poñan en valor o patrimonio marítimo-fluvial da provincia

Recibirán achegas de entre 1.300 e 12.000 euros para realizar traballos de rehabilitación de embarcacións tradicionais, aparellos de pesca e outros elementos marítimos e construcións e instalacións en terra

12/07/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de 100.000 euros para que 14 asociacións sen ánimo de lucro de oito concellos poidan realizar accións para a recuperación e difusión do patrimonio marítimo-fluvial da provincia, dunha gran riqueza e singularidade e que, polo seu valor propio, debe ser estudado e considerado para a permanencia e a identidade da cultura ao longo do tempo..

En concreto, aprobáronse todas as solicitudes recibidas e as asociacións recibirán achegas que oscilan entre os 1.300 e os cas 12.000 euros, que lles permitirán realizar traballos de rehabilitación de embarcacións tradicionais como dornas ou galeóns, entre outras, aparellos de pesca e outros elementos marítimos e construcións e instalacións en terra.

Desta maneira, as axudas van destinadas a catro asociacións de Cambados (Calmoseira, a Asociación Cultural de Embarcacións tradicionais A Torre, a Asociación Cultural e Deportiva Vela Tradicional Cambados e o Clube Mariño Salnés), á Asociación Sodinautica de Cangas, á Asociación de Amigos da Dorna Meca do Grove, a catro asociacións da Illa de Arousa (a Asociación Cultural, Deportiva e Promotora de Actividades Xuvenís Fasquia; a Asociación Cultural Caramuxo; á Asociación Cultural Dorna, e á Asociación Cultural DS Illa de Arousa), á Asociación Idilicamente de Nigrán, ao Club Mariño A Reiboa de Poio, a Amigos da Dorna de Portonovo, Sanxenxo, e á Asociación de Gameleiros Asodiña de Vigo.