Luis López anuncia a aprobación das bases das axudas da Deputación á realización de actividades culturais, dotadas de 300.000 euros
“Sempre dicimos que para este goberno provincial a cultura é un dos seus eixos prioritarios e aquí temos unha mostra: incrementamos nun 20% estas axudas con respecto ao anterior goberno, isto é, 50.000 euros máis”, remarcou o presidente provincial
21/05/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta da aprobación en Xunta de Goberno das bases das subvencións para actividades culturais, cun orzamento de 300.000 euros. O presidente lembrou que “sempre dicimos que para este goberno provincial a cultura é un dos seus eixos prioritarios e aquí temos unha mostra: incrementamos nun 20% estas axudas con respecto ao anterior goberno, isto é, 50.000 euros”.
O presidente sinalou que, como novidade, este 2024 “decidimos apostar por crear dúas liñas de axudas”, a primeira delas dotada de 250.000 euros para a posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia, tamén para festivais, mostras, encontros ou certames culturais, así como para actividades de posta en valor da pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada. Pola outra banda, unha segunda liña dotada de 50.000 euros para a participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais, ou para intercambios culturais que potencien o patrimonio musical e cultural da nosa terra pero que se celebren fóra de Galicia. Luis López sinalou que de trata de “axudas en réxime de concorrencia competitiva” nas que “cada entidade poderá recibir un máximo de 2.500 euros ou ata o 75% do orzamento da actividade en cuestión”.
O presidente provincial asegurou que “avanzamos e seguimos dando mostras de que os nosos compromisos non son palabras baldeiras de contido: hoxe, con este 20% máis de recursos para financiar actividades culturais, demostramos unha vez máis que este é un goberno de feitos”.