A Deputación de Pontevedra avanza no proxecto de redacción para a mellora da seguridade peonil na estrada provincial EP-2405 Cerquido-Budiño

A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, reuniuse co alcalde do Porriño e tamén deputado provincial, Alejandro Lorenzo, para abordar os avances no proxecto que contempla a construción dunha senda de 1,2 quilómetros entre O Casal e Cerquido

17/07/2024

Avance na mellora da seguridade peonil na estrada provincial EP-2405 Cerquido-Budiño

A Deputación de Pontevedra avanza no proxecto de redacción para a mellora da seguridade peonil na estrada provincial EP-2405 Cerquido-Budiño. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, reuniuse co alcalde do Porriño e tamén deputado provincial, Alejandro Lorenzo, para abordar os avances no proxecto que contempla a construción dunha senda peonil no Casal e en Cerquido.

O proxecto de mellora da estrada trátase, en palabras da deputada provincial, “dunha demanda histórica da veciñanza desta zona do Porriño na que está moi interesado o alcalde para poder dar resposta á cidadanía desta zona”.  Deste xeito, o proxecto de mellora peonil atópase moi avanzado e pendente só de concretar a ficha de cesións para proceder á súa tramitación. Contemplará a humanización e creación dunha senda peonil dun ancho mínimo de 1,8 metros que transcorrerá por un tramo de 1,2 quilómetros, unindo a rotonda de entrada no Casal e a rotonda de acceso á antiga nacional e á autovía, no Cerquido.

Ademais deste proxecto, na xuntanza de traballo a deputada e o alcalde tamén abordaron outra das grandes demandas da veciñanza do Porriño, concretamente da de Torneiros. Neste caso trátase da construción dunha senda peonil de 700 metros de lonxitude entre a Igrexa de San Salvador e Relva, na EP-2402, que terá tamén resposta en breve espazo de tempo.