Luis López sinala que o aumento do 40 % nas axudas a cooperativas agrícolas impulsará un sector que proxecta á provincia no mundo
O presidente provincial percorreu os viñedos e a bodega de Paco & Lola en Meaño con motivo de inicio da campaña da vendima, onde adiantou aos cooperativistas que o orzamento das subvencións do vindeiro ano acadará os 350.000 euros
18/09/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este mércores na campaña da vendima de Paco & Lola, a cooperativa máis grande por número de socios da denominación de orixe Rías Baixas; para amosar o apoio do organismo provincial ao sector agrícola co que colabora a través dunha liña de subvencións dotada con 250.000 euros, unha cifra que, avanzou o dirixente López, se verá incrementada o vindeiro ano nun 40 % ata acadar os 350.000 euros. “O sector agrícola da provincia é xerador de emprego, creador de riqueza e ferramenta para loitar contra o despoboamento. É por este motivo, que atender as vosas necesidades é unha das nosas prioridades”, declarou o mandatario provincial a membros da Cooperativa Vitivinícola Arousana cos que percorreu os viñedos e as instalacións da bodega que teñen en Meaño.
Durante o encontro, Luis López lembrou que a finais do pasado mes de agosto a Deputación aprobou en Xunta de Goberno o reparto dos 250.000 euros dos fondos das axudas a cooperativas agrogandeiras da prvincia. Un reparto no que a Cooperativa Vitivinícola Arousana, propietaria da marca Paco & Lola, lle corresponden 29.180 euros, que serán empregados para a adquisición de dous tractores. Con todo, o presidente, igual que fixo hai unha semana nun encontro con cooperativistas en Lalín, avanzoulles que para a convocatoria do vindeiro ano 2025, o orzamento destas axudas incrementarase ata os 350.000 euros. “Estamos a amosar o noso compromiso co sector primario da provincia”, afirmou López, coñecedor dun oficio tan “duro como agradecido”.
Do mesmo xeito, o presidente da Deputación tamén quixo recoñecer a importancia que ten para a economía, o emprego e o turismo da provincia o labor das cooperativas vitivinícolas. “O sector vitivinícola é un dos grandes motores da nosa economía e gran parte do mérito de que os viños Rías Baixas sexan recoñecidos en todo o mundo tédela vós, os produtores”, valorou.
Desexou Luis López, ao remate da visita e dspois de agradecer a Paco & Lola a invitación , que a recentemente comezada campaña da vendima nas Rías Baixas sexa “polo menos, igual de exitosa cas anteriores” e tendeu á man da Deputación aos cooperativistas para seguir colaborando co sector na modernización e incremento da competitividade do sector agrícola da provincia.