Luis López lembra que a Deputación reforzará o apoio ao sector gandeiro con 100.000 euros máis de axuda: “O primario é riqueza, saúde e fixación de poboación no rural”

O presidente provincial participa en Lalín nun encontro con gandeiros da comarca do Deza promovido por Xundeva para avanzar na formación e competitividade do sector

07/11/2024

Apoio ao sector gandeiro con 100.000 euros máis de axuda

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou o apoio do goberno provincial ao sector primario, un colectivo que o vindeiro ano verá reforzado en 100.000 euros, ata os 350.000 euros, a dotación da colaboración anual que o organismo provincial presta ás cooperativas agrogandeiras da provincia; nun encontro con gandeiros da comarca do Deza que participaron nun acto organizado pola Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira Xundeva. "Para a Deputación, o rural e o sector primario da provincia son fundamentais porque contribúen a xerar riqueza no noso territorio, repercuten directamente na nosa saúde levando aos mercados produtos de calidade e proximidade e axudan a encarar con garantías desafíos como a perda de poboación, o envellecemento e o relevo xeracional", sinalou o mandatario provincial na clausura do XIX Encontro Gandeiro celebrado no auditorio municipal de Lalín.

Este evento que organiza cada ano Xundeva serviu para avanzar na formación e na competitividade das explotacións gandeiras da comarca a través dunha serie de conferencias relacionadas coa febre Q no gando vacún, para coñecer que problemas causa e como controlar a enfermidade; coas boas prácticas para o benestar animal; no control dos vectores EHE nas granxas e, finalmente, no impacto económico dos ectoparasitos.

Apoio ao sector gandeiro con 100.000 euros máis de axuda

Neste sentido, o mandatario provincial amosou a comprensión da Deputación cos problemas diarios que deben afrontar os gandeiros, tanto a nivel administrativo como polo aumento dos gastos pola inflación. "Dades moito, polo que tamén sería xusto que recibirades moito", puntualizou López antes de explicar aos asistentes as distintas medidas de apoio que o organismo provincial presta a este sector. Ademais da liña de subvencións a cooperativas agrogandeiras, que no 2025 se incrementa nun 40 % ata acadar os 350.000 euros, a Deputación colabora co sector gandeiro noutras accións como a oficina de atención a pemes do viveiro de empresas de Lalín ou outras repartidas polas comarcas da provincia, a colaboración con feiras e outros eventos estratéxicos para o sector ou o traballo dun centro de referencia en investigación como o laboratorio da Finca Mouriscade.

Rematou Luis López o seu discurso reafirmando o compromiso do goberno provincial co sector primario, para seguir escoitando as necesidades dos profesionais e poñendo a súa disposición todos os recursos posibles para que as explotacións gandeiras da provincia sigan sendo unha referencia de creación de riqueza, produción de alimentos de calidade e de sustentabilidade e coidado da natureza.