A Deputación súmase este mércores 5 de xuño ao apagón ambiental convocado polo Día Mundial do Medio Ambiente
A acción forma parte do proxecto “People & Planet”, que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade desenvolve por cuarto ano consecutivo
03/06/2024
A Deputación de Pontevedra apagará este mércores 5 de xuño todas as luces do Pazo Provincial, do Edificio Administrativo e da Sede de Vigo entre as 23:00 e as 0:00 horas para sumarse ao proxecto “People & Planet”, co que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebra por cuarto ano consecutivo o Día Mundial do Medio Ambiente para concienciar sobre o cambio climático e sobre o consumo enerxético.
O Día Mundial do Medio Ambiente céntrase este ano na protección dos ecosistemas terrestres, en liña co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) 15: Xestionar de maneira sostible, os bosques, loitar contra a desertificación, deter e inverter a degradación das terras e deter a perda de biodiversidade, todo elo vital para o sostemento da vida humana.
Este “apagón ambiental” é unha das actividades que o Fondo Galego de Cooperación está a impulsar nos concellos socios dentro do proxecto “People & Planet”, que van desde accións de rúa ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais ou concursos. Ademais, neste marco púxose en marcha en oito países a campaña “Water of the future”, co fin de situar na axenda pública a problemática da escaseza de auga a nivel global e as súas graves consecuencias, así como fomentar hábitos sostibles cos que contribuír a mitigar esta situación.