Luis López anuncia unha alianza entre a Deputación e a sete veces olímpica Teresa Portela para levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo

O presidente provincial destaca á deportista pontevedresa como unha “referente en constancia, conciliación e igualdade” que fará historia en París ao ser a primeira española en participar en sete Xogos Olímpicos: “Para nós xa eras, es e serás a nosa campioa”

12/06/2024

Luis López e Teresa Portela

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalzou a figura da Teresa Portela como “exemplo de constancia, conciliación e igualdade” no acto de presentación do contrato de patrocinio asinado este mércores no Palacete das Mendoza entre a medallista olímpica pontevedresa e o mandatario provincial. “Non es unha lenda polo teu extenso palmarés deportivo, es unha referente polos valores que nos transmites cada día”, recoñeceulle López á Portela, que este verán fará historia ao converterse na primeira deportista española en participar en sete Xogos Olímpicos.

Baixo o título de “Unha vida olímpica”, o acordo entre o organismo provincial e a padeeira canguesa estará vixente ata final de ano e servirá para a realización de catro charlas en centros escolares ou concellos da provincia, a participación en galas ou actos promovidos pola Deputación e levar o nome da provincia de Pontevedra na súa equipación durante a súa participación nas competicións. “Teresa Portela levará o nome da provincia por todo o mundo porque ‘Unha vida olímpica’ merece ser contada e transmitida máis alá das nosas fronteiras”, argumentou o dirixente.

Acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, o presidente López remarcou a transcendencia que ten a figura de Teresa portela máis aló das competicións. A padeeira é referencia pola lonxevidade da súa carreira deportiva, con numerosos títulos internacionais, entre eles unha medalla de prata olímpica; pola súa capacidade para conciliar a vida deportiva, coa familiar e laboral; e polo seu exemplo a prol da igualdade “para derrubar muros que aínda limitan ás mulleres na sociedade e no deporte”. Por todo isto, asegura o presidente da Deputación que “como pai e pontevedrés, estou convencido de que calquera pai ou nai estaría orgulloso de que os seus fillos tiveran como referente deportivo a Teresa Portela”.

Pola súa banda, a deportista amosou a súa satisfacción polo acordo asinado. “Turismo Rías baixas forma parte do meu equipo e deste acompañamento aos xogos olímpicos de París, os meus sétimos xogos”, afirmou a pontevedresa. Ademais, expresou o seu orgullo por representar á provincia. “Síntome profundamente orgullosa de ser galega, sempre levei o nome da miña terra por todo o mundo, é un auténtico honor”, confesou. Tamén recoñeceu Portela o seu gusto por dar a coñecer o seu labor nos centros educativos. “É algo que me gusta, a primeira carreira que estudei foi maxisterio e encántame ir polos coles e transmitir a miña vida e que se poidan sentir identificados”, engadiu a padeeira.

O apoio do organismo provincial á deportista de Aldán supón unha nova mostra máis do compromiso do goberno de Luis López co deporte, a través do apoio aos deportistas e como un instrumento para dar a coñecer o destino turístico Rías Baixas. “Grazas Teri por levarnos sempre tan alto e tan lonxe e por facelo desde agora baixo o paraugas de Rías Baixas”, agradeceu López, quen lle desexou sorte para os seus sétimos Xogos Olímpicos. “Para nós xa eras, es e serás a nosa campioa”, rematou.

Galerias de imaxes