A Deputación presenta ante ducias de persoas en Mos os programas de Acción Comunitaria, cunha dotación de 2,4 millóns de euros
07/02/2025
O deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís, reuniuse co movemento asociativo e veciñal de Mos para dar a coñecer as bases dos programas que impulsará esta área da Deputación de Pontevedra durante o ano 2025: Provincia Comunitaria e +Aqua, que repiten trala grande acollida das súas primeiras edicións, e o novo +Novaqua. En conxunto, recibirán un orzamento inicial de 2,4 millóns de euros, un 20% superior. O deputado provincial lembrou que “as bases xa están publicadas e os colectivos xa poden optar ás axudas, nun ano no que temos máis programas, máis recursos e máis potenciais beneficiarios”.
Javier Tourís, acompañado da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e ante ducias de persoas da vila, remarcou o bo funcionamento dos programas impulsados o ano pasado. “Sabíamos que era unha necesidade e unha conta pendentes da Deputación despois de oito anos ignorando o tecido asociativo, sen plans específicos de axudas para os seus proxectos” e por iso “era unha obriga recuperar a colaboración e seguir avanzando na modernización do noso territorio. Agora, estes programas están a ser unha figura clave na cohesión e o equilibrio territorial da provincia”. O deputado sinalou novidades como a simplificación administrativa dos plans así como a captación de fondos estatais, cos que “somos un referente en España na atención ao movemento veciñal e imos consolidar o noso modelo”.