A Deputación mantén aberto ata este xoves, 14 de marzo, o prazo para que as entidades sociais soliciten actuacións centradas nos colectivos en risco de vulnerabilidade

A liña de axudas, dotada con 470.000 €, permitirá financiar actividades para mellorar a calidade de vida e a integración das persoas, cun máximo de 7.000 € por proxecto

10/03/2024

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata este xoves, 14 de marzo, o prazo para solicitar a liña de subvencións para que as entidades sen ánimo de lucro poidan realizar actuacións centradas nos colectivos que precisan apoio desde o punto de vista social. Con estas axudas, dotadas con 470.000 euros, poderanse financiar actividades de iniciativas postas en marcha para mellorar a calidade de vida e a integración das persoas que, polas súas circunstancias persoais, psíquicas, físicas, socioeconómicas ou de natureza análoga, se atopen en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social. Só se concederá unha subvención por entidade e o importe máximo de cada unha non superará os 7.000 euros, nin o 80 % do orzamento total de cada actuación.

Esta liña de axudas está enfocada a entidades de iniciativa social con sede social ou delegación na provincia, e poderán ser obxecto de subvención as actuacións relativas a proxectos, programas ou actividades de promoción e inserción social, a prestación de servizos sociais e, en xeral, as que persigan un interese social na procura da mellora da calidade de vida das persoas.

As solicitudes, que estarán abertas ata o vindeiro xoves, deben presentarse obrigatoriamente a través da Sede electrónica da Deputación e deberán ir acompañadas do proxecto descritivo da actividade para a que se solicita a prestación, no que se inclúa a denominación ou nome, a xustificación, os obxectivos, as persoas beneficiarias directas e indirectas, a metodoloxía empregada, a temporalización, o ámbito territorial, os recursos, o impacto social estimado etc.