A Deputación patrocinará o Campionato de Europa de Vela, que se celebrará en Sanxenxo entre o 27 de setembro e o 5 de outubro
A institución provincial colabora con esta proba, organizada polo Real Club Náutico de Sanxenxo, na súa aposta por “atraer a organización de grandes eventos deportivos ao noso territorio”
20/09/2024
A Deputación de Pontevedra patrocinará o Campionato de Europa de Vela 6MR, una proba que terá lugar en Sanxenxo entre o 27 de setembro e o 5 de outubro e que está organizada polo Real Club Náutico de Sanxenxo. “A provincia de Pontevedra converterase durante uns días na capital da vela de Europa, e no mellor escaparate das nosas rías”, asegurou en conferencia de prensa o presidente provincial Luis López.
“Queremos captar, impulsar e colaborar coa organización de grandes eventos deportivos no noso territorio –afirmou Luis López- porque temos claro que este tipo de actividades supoñen un gran estimulo para fomentar o deporte de base, e teñen tamén grande impacto económico e social no conxunto da provincia”. Deste xeito, o presidente da Deputación asegurou que o Campionato Europeo de Vela, ao que a institución provincial destinará 125.000 euros, “será, sen dúbida algunha, unha panca fundamental para a proxección do turismo e da nosa marca como provincia”.
Durante esta proba deportiva de vela daranse cita en Sanxenxo os mellores regatistas de Europa, cunha ampla participación de países e barcos como o español Bribón; o rumano Essentia, actual subcampión de Europa; ou o francés Dix Août, vencedor do Mundial disputado en Sanxenxo en 2022.