A Deputación patrocina por segundo ano “O Gran Camiño”, a proba ciclista que chega á provincia de Pontevedra o 26 de febreiro
“Esta etapa permitirá dar a coñecer a nosa riqueza natural e paisaxística, poñendo no foco, en sintonía coa nosa campaña de promoción deste ano, Cando volves?, o interior da provincia” remarcou Luis López quen enxalzou tamén a firme aposta da institución polo deporte
07/02/2025
O goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar o patrocinio deportivo de “O Gran Camiño”, ao que destinará preto de 140.000 euros. A proba ciclista, que se desenvolverá entre o 26 de febreiro e o 2 de marzo e que está incluída no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI), chegará á provincia na súa segunda etapa, que se celebrará o vindeiro 26 de febreiro entre Marín e A Estrada.
“Esta etapa permitirá dar a coñecer a nosa riqueza natural e paisaxística, poñendo no foco, en sintonía coa nosa campaña de promoción deste ano, Cando volves?, o interior da provincia”, asegurou Luis López, ao tempo que lembrou a aposta da institución provincial por “captar, impulsar e colaborar coa organización de grandes eventos deportivos no noso territorio, que son unha panca para a proxección do turismo e da nosa marca como provincia”.
A cuarta edición do Gran Camiño contará este ano con cinco etapas, incluíndo por vez primeira unha etapa internacional no norte de Portugal (a primeira), e unha máis por cada unha das catro provincias galegas. As etapas de Galicia comezarán en Pontevedra, cun percorrido de 144,8 quilómetros con máis de 2.600 metros de desnivel e tres portos de primeira categoría desde Marín ata A Estada. Así, pasará por Pontevedra e Campo Lameiro antes de subir ao alto de San Antoniño, desde onde se dirixirá a Moraña, Caldas de Reis, Valga e Cuntis para entrar finalmente na Estrada, onde subirá dúas veces ao alto de San Vicenzo.