A Deputación anuncia o inminente comezo das obras de mellora integral da estrada provincial A Xesteira-Almofrei
A institución provincial levará a cabo os traballos de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-0405 no concello de Cerdedo-Cotobade, cun investimento de preto dun millón de euros
03/04/2024
A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, acaba de manter unha xuntanza co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, na que avanzou o inminente comezo das obras de mellora integral da estrada provincial entre A Xesteira e Almofrei. A actuación, no tramo inicial de 1,5 quilómetros da EP-0405 ao seu paso por Cerdedo-Cotobade, conta cun investimento de preto dun millón de euros, dos que o 70 % se financiará con recursos da Unión Europea e o importe restante será asumido pola institución provincial e polo Concello.
Os traballos na estrada provincial A Xesteira-Almofrei teñen por obxecto crear vías seguras para o tránsito peonil, concretamente unha nova senda peonil na marxe esquerda da vía, de 2,5 metros de ancho, e zonas de convivencia onde terán prioridade as e os peóns naqueles tramos onde non se poida executar a senda. Esta terá unha lonxitude dun quilómetro e nese trazado, ademais, limitarase a velocidade a 30 km/h e incorporaranse tres redutores de velocidade. Nas zonas de convivencia, de preto de 300 metros de lonxitude, a velocidade máxima será de 20 km/h.
Ademais, desde a conexión coa estrada autonómica PO-233, o proxecto de transformación tamén inclúe a mellora do trazado, coa aplicación dunha nova capa de rodaxe e o emprego de novos paquetes de firme para ampliar a plataforma nas zonas de convivencia. Como actuacións complementarias, tamén se acometerá a mellora da drenaxe e a canalización para soterrar a rede de iluminación nas zonas de convivencia.