A Deputación completa o programa do Congreso Nacional de Numismática cun obradoiro infantil, a música de Xisco Feijoó e unha exposición sobre Ricardo Blanco Cicerón

A institución provincial, a través do Museo de Pontevedra organiza a 17ª edición desta cita, que do 12 ao 14 de setembro abordará as tendencias de investigación en numismática, a través de comunicacións, mesas redondas e conferencias

02/09/2024

Pontevedra acollerá os días 12, 13 e 14 deste mes a 17ª edición do Congreso Nacional de Numismática. No Museo de Pontevedra reuniranse os maiores expertos na materia procedentes de España e doutras latitudes. O programa, centrado no intercambio de coñecementos a través de comunicacións, mesas redondas e conferencias, inclúe tamén a benvida aos participantes cunha actuación de Xisco Feijoó e dúas actividades dirixidas ao público xeral: un obradoiro para achegar a numismática a nenas e nenos e unha exposición para dar a coñecer a figura de Ricardo Blanco Cicerón.

O obradoiro ‘A ceca do Museo’ quere achegar a numismática aos máis pequenos: a súa orixe, as diferentes moedas que circularon no territorio peninsular entre a chegada dos romanos e os século XXI e o seu proceso de fabricación. Os nenos terán tamén a oportunidade de deseñar e crear a súa propia moeda, así como de acuñar recreacións de moedas antigas pertencentes á colección do Museo de Pontevedra. A actividade está dirixida a nenas e nenos de 6 a 10 anos e desenvolverase o sábado 14 de setembro en dúas quendas: de 10:00 a 11:30 e de 12:00 a 13:30, impartido polo Departamento de Educación do Museo.  E a partir deste mércores, 4 de setembro, ás 9:00 horas, pode formalizarse a inscrición a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal, indicando nome e idade, número de teléfono de contacto e quenda de preferencia.

Exposición

En paralelo á celebración do Congreso, o Museo de Pontevedra o 12 de setembro, ás 19:15 horas, abrirá a exposición ‘O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón. Do coleccionismo ao Museo’, no Edificio Sarmiento. A mostra, que se poderá visitar ata o 10 de novembro, recupera a figura de Ricardo Blanco Cicerón (Tui, 1844 - Santiago de Compostela, 1926), un apaixonado das artes e as humanidades que atesourou unha basta colección de obxectos históricos e está considerado o coleccionista de maior relevancia para a historiografía da arte en Galicia. Reuniu xoias protohistóricas, moedas, medallas, documentos medievais e outras pezas que, en moitos casos, pasaron a formar parte do acervo de museos galegos e nacionais.