A Deputación concede preto de 43.000 € a Cuntis para mellorar a accesibilidade do seu pavillón municipal
Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que repartiu xa 2,8 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
26/05/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda ao Concello de Cuntis, por valor de preto de 43.000 euros, coa que poderá facer fronte á mellora da accesibilidade no seu pavillón municipal. Estes recursos pertencen ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado de 4 millóns de euros para todos os concellos da provincia (59) cun número de habitantes inferior a 50.000.
O Concello de Cuntis recibirá un total de 42.983,06 € para mellorar a accesibilidade tanto exterior como interior deste equipamento, con actuacións que afectan tanto ao acceso do inmoble como ao uso das instalacións. En canto ao acceso repararase a rampla actual, que pasará da pendente do 13,3% ao 4% necesario para ser considerada accesible. Ademais, aumentarase o seu ancho pasando de 150 a 210 centímetros e dotarase cun zócalo para impedir que os usuarios con cadeira de rodas poidan caer polo borde da rampla.
Tamén se reformarán as portas interiores que dan acceso ao distribuidor dos vestiarios e mais a estes, xa que non contan co ancho suficiente para permitir o acceso autónomo das persoas que usan cadeiras de rodas. Retiraranse as actuais, ampliarase o ancho do oco e instalaranse novas portas de aluminio, máis hixiénicas e resistentes á auga, tendo en conta o seu emprazamento. Ademais, dentro dos vestiarios crearase unha zona con ducha accesible, inexistente ata o momento.
O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación mobilizou ata o momento máis de 2,8 dos 4 millóns de euros do orzamento total, con achegas para Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, O Rosal, Rodeiro, Ribadumia, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.