A Deputación concede máis de 40.000 euros ao Concello de Mondariz para acometer obras de mellora na piscina municipal
Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que distribuíu xa preto de 2,6 millóns de euros entre concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes
11/05/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de máis de 40.000 euros ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 4 millóns de euros, para o Concello de Mondariz. Con estes recursos, o Goberno local realizará obras de mellora na piscina municipal.
O Concello de Mondariz destinará esta achega de 42.272 euros a mellorar tanto a piscina municipal como os vestiarios e a contorna da mesma, unha instalación que leva sen empregarse desde o inicio da pandemia polo covid-19, o que levou a que se atope en mal estado na actualidade e sexa necesaria unha reparación e actualización. En concreto, procederase a instalar unha nova acometida de auga, a sanear o pavimento na contorna da piscina, a sementar céspede, pintar os muros e reparar o grupo filtrante de auga.
O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento preto de 2,6 dos 4 millóns de euros do orzamento total, con achegas, ademais de para Mondariz, para A Cañiza, A Estrada, A Illa de Arousa, A Lama, Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Dozón, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova.