A Deputación destinará máis de 300.000 € á creación dunha plataforma turística para divulgar os camiños da Geira e dos Arrieiros e o Miñoto Ribeiro

“Trátase dun paso máis para converter o territorio da provincia nun destino intelixente, e para ofrecer ás persoas visitantes novas propostas para realizar aquí, en Pontevedra”, subliñou o presidente Luis López

05/12/2024

Xunta de Goberno do 05-12-2024

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe un convenio de colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra norte para poñer en marcha o proxecto Smartguide, que conta cun orzamento de máis de 300.000 euros e que se desenvolverá ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza Tabeirós-Terra de Montes. Os camiños por dentro, financiado con fondos NextGeneration.

“Este novo proxecto é un  paso máis para converter o territorio da provincia nun destino intelixente, e para ofrecer ás persoas visitantes novas propostas para realizar aquí, na provincia de Pontevedra”, asegurou Luis López. Neste eido, o presidente explicou que o principal obxectivo desta iniciativa é poñer en valor e dotar de recursos aos camiños de Santiago que pasan polas comarcas, o da Geira e dos Arrieiros  e o Miñoto Ribeiro.

O proxecto contempla a implantación dunha plataforma turística “Smartguide” e comunicación dixital dos camiños da Geira e dos Arrieiros e o Miñoto Ribeiro, a xeración de contido audiovisual asociado aos Camiños de Santiago e aos recursos cabeceira das comarcas, e a recompilación e integración na plataforma da información existente.