Luis López remarca os preto de 2,7 millóns de euros do Plan +Provincia que acaba de aprobar a Deputación para que 13 concellos impulsen novos investimentos

Os novos recursos beneficiarán a Baiona, Campo Lameiro, Covelo, Crecente, A Guarda, Ponteareas, Ponte Caldelas, O Porriño, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño e Vilaboa

21/05/2024

Luis López

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 2,7 millóns de euros para que doce concellos da provincia impulsen novos investimentos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos Baiona, Campo Lameiro, Covelo, Crecente, A Guarda, Ponteareas, Ponte Caldelas, O Porriño, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño e Vilaboa. Servirán, en palabras do presidente provincial Luis López, para “traballos de conservación e mellora de camiños, para actuar en infraestruturas deportivas, mellorar parques infantís ou, entre outras iniciativas, acometer obras de rehabilitación enerxética”. En total, o goberno provincial xa aprobou este ano 26,7 millóns de euros dos 48,2 dos que está dotado este programa para transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

O presidente provincial remarcou algunhas das iniciativas de elevada contía que van acometer os concellos cos recursos provinciais. Proxectos como a fase I da creación dun novo punto limpo na Guarda, que recibirá 320.000 euros do +Provincia, ou os 330.000 euros cos que Tomiño achega a parte municipal correspondente ao plan provincial PON2030 para rehabilitar enerxeticamente a súa Casa da Cultura e outros equipamentos municipal. Tamén destacou López o medio millón de euros destinado a Sanxenxo no marco do +Provincia para humanizar un camiño en Arra e a contorna do pavillón de Baltar.

Ademais,  Campo Lameiro, tal e como xa lle adiantou o presidente provincial ao seu alcalde nunha xuntanza no Pazo Provincial mantida hai uns días, recibirá 160.000 euros para a recuperación do espazo para uso peonil no camiño entre Casiñas e Camiño Carballeira e outros 84.335 euros para actuacións en camiños de Castro de Orto, Camiño Padín e Reboredo. Do mesmo xeito, Luis López tamén lle adiantou ao alcalde de Ponte Caldelas que recibirá 158.000 € do Plan +Provincia para renovar o campo de céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia, que tiña recibido xa outros 47.800 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Completan os recursos aprobados na Xunta de Goberno ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia outros 200.000 € que recibirá Vilaboa para o reasfaltado de vías municipais en Cavada Chan, Paredes e Muíño; 218.668 euros para o acondicionamento como espazo de centralidade da contorna da Carreira dos Bolos na Pedreira, en Soutomaior; 64.021 euros para a conservación e mellora dun camiño nas Cachadas, en Ponteareas; 83.909 euros para melloras en camiños municipais de Baiona; 91.598 e para pavimentar camiños de formigón na Lamosa, Casteláns, Barcia de Mera, Maceira e Godóns en Covelo; 105.545 € para a reconstrución da rodadura en zonas da rúa Fernández Areal, Camiño Fontevella e rúa Pego no Porriño; 169.512 € para reparacións e melloras dos parques infantís municipais da praza do concello e do centro de Barrantes en Ribadumia; e 64.271 euros para que Crecente achegue a parte municipal correspondente ao plan provincial PON2030 para a renovación de equipamento no seu campo de fútbol e outros 127.033,80 euros para que o goberno local pavimente vías en Ameixeira, Padrosos, Uceira, Seixal, Pazo e Quintas.

audios