A Deputación concédelle preto de 24.000 euros ao Concello de Mondariz-Balneario para mellorar as instalacións deportivas municipais da avenida Enrique Peinador

Trátase de recursos do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas dos que se distribuíron xa máis de 1,7 millóns de euros entre 26 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes

18/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de preto de 24.000 euros ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas para o Concello de Mondariz-Balneario. Con estes recursos, o Goberno local levará a cabo tarefas de modernización, remodelación e mellora das instalacións deportivas municipais existentes na avenida Enrique Peinador.

O Concello de Mondariz-Balneario dedicará estes recursos do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas a remodelar e mellorar os vestiarios e aseos das instalacións deportivas municipais existentes na citada avenida. Con esta mellora poderase contar cun espazo máis moderno, que garante un mellor funcionamento e favorece o seu uso por parte de persoas con mobilidade reducida. Tamén se resolverá a conexión interior e definirá unha nova distribución espacial, accesible e encamiñada a configurar unha imaxe unitaria e coherente, integrada na paisaxe. Ademais, con estes recursos vaise impulsar un plan de uso e mantemento destas instalacións deportivas.

O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento máis de 1,7 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de Mondariz-Balneario, para A Cañiza, A Estrada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meis, Moraña, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.