A Deputación destina 150.000 € á promoción da provincia en feiras e certames turísticos
A través desta actuación a institución provincial pretende difundir a provincia e potenciala como destino turístico en lugares como Madrid, Barcelona, Ourense e Santiago, entre outros
13/12/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar por valor de 150.000 euros o contrato para que Turismo Rías Baixas promocione a provincia a través da súa participación, con espazo propio, en feiras e certames de turismo ao longo de 2025. “Neste ano que está a piques de empezar queremos seguir levando o nome da provincia por toda España e dar a coñecer todo o que temos que ofrecer”, asegurou o presidente provincial Luis López.
A través desta actividade promocional o obxectivo da Deputación de Pontevedra é difundir os produtos, experiencias, recursos e servizos turísticos da provincia, así como potenciala como destino turístico a nivel nacional e internacional e servir de canle de intermediación para favorecer as relacións comerciais dos profesionais do sector turístico.
Deste xeito, ao longo do 2025, está previsto que a Deputación de Pontevedra conte cun espazo propio en eventos como o Madrid Fusión (Madrid, 27-29 de xaneiro); Turexpo Galicia (Silleda, 5-8 de xuño); Xantar (Ourense, no mes de outubro); IBTM (Barcelona, en novembro); Fairway (Santiago, no mes de novembro), entre outros. “Isto sen contar FITUR”, asegurou o presidente provincial que anunciou que a Deputación volverá estar presente na feira madrileña cunha campaña “sorprendente que vos presentaremos nunhas semanas”.