A Deputación aproba unha achega de máis de 100.000 € para que Sanxenxo acondicione o campo de fútbol de Noalla
A axuda está enmarcada no Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e permitirá reformar a cuberta das gradas e mellorar a eficiencia enerxética do recinto
21/05/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este martes da aprobación en Xunta de Goberno dunha nova achega ao Concello de Sanxenxo enmarcada no Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Esta achega, de arredor de 108.000 euros, permitirá ao concello sufragar o financiamento das obras de acondicionamento das instalacións do campo de fútbol municipal de Noalla.
O presidente provincial sinalou que, no marco deste proxecto, o Concello de Sanxenxo levará a cabo principalmente dúas actuacións de mellora nesta infraestrutura. Por unha banda, “ampliar e remodelar a cuberta da zona das gradas para protexelas, aínda máis se cabe, das choivas” e, pola outra, “substituír das luminarias LED que vai mellorar a súa eficacia e eficiencia enerxética”, informou López.
Coa suma destes recursos, Luis López sinalou que “xa temos distribuído preto de 2,7 millóns de euros dos 4 dos que está dotado o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, un plan que está a transformar, como nunca antes se fixera, as instalacións deportivas da nosa provincia”.