Xosé María Álvarez Cáccamo lerá este venres no Museo o seu poema longo ‘Berta’, unha homenaxe a Berta Cáccamo

O mesmo día terá lugar a presentación do catálogo ‘Juan Carlos Meana. O espazo entre as cousas’, que acaba de publicar o Museo

30/04/2024

Cando en maio de 2018 morreu Berta Cáccamo, o seu irmán maior, Xosé María Álvarez Cáccamo comezou a escribir “de forma compulsiva” para combater a súa ausencia. O resultado foi ‘Berta’, un poema longo que en 2019 publicou a editora Chan da Pólvora. Este venres 3 de maio ás 19:00 h no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, o autor fará unha lectura pública deste poema, acompañada do comentario de Juan de Nieves, comisario da mostra ‘Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo’.

Esta actividade forma parte da programación que o Museo lle dedica á artista viguesa con motivo da súa exposición, que se pode visitar ata o 9 de xuño. Completarase cun seminario que o 7 de xuño reunirá aos directores e xefes de coleccións dalgúns dos principais centros de arte en España. Terá como título ‘Arquivos de Artistas. Ferramentas para a Investigación nos Museos’,  e nel participará, entre outros, Manuel Segade, director do Reina Sofía; Beatriz Herráez, directora de Artium; Javier Hontoria; director de Museo Patio Herreriano; e Eduard Vallès, xefe de coleccións  do Museu Nacional d’Art de Catalunya.

Presentación de catálogo

Este mesmo venres, o Museo presentará o catálogo da exposición ‘Juan Carlos Meana. O espazo entre as cousas’, que acolleu o Museo de Pontevedra entre agosto e outubro de 2023. O catálogo inclúe unha ampla reportaxe gráfica da exposición, así como varios textos: “Juan Carlos Meana: a voz vén doutra parte”, do comisario Alberto Ruíz de Samaniego; “Estratexias de limiar”, do filósofo e crítico cultural Ignacio Castro; o poema “Introdución ao pedregal”, de Luis del Álamo Vaquero; e unha selección de textos do propio artista.

A presentación será o venres 3 de maio ás 12:30 h no Edifico Castelao. Nela participarán Alberto Ruiz de Samaniego, comisario da exposición; Telmo Meana, fillo do artista; Román Corbato, deseñador do libro; e Ángela Comesaña, responsable de Publicacións do Museo de Pontevedra.