Aberto ata o 5 de xaneiro o prazo de inscrición para participar en Conecta+, a xornada na que se darán cita en Vigo as principais produtoras audiovisuais de España

Terá lugar o 20 de xaneiro a partir das 10 horas na sede da Deputación e enmárcase no programa Conecta Lab, promovido pola institución provincial para impulsar seis proxectos audiovisuais emerxentes de proxección

02/01/2024

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo converterase o sábado 20 de xaneiro a partir das 10 horas no epicentro do audiovisual estatal coa xornada Conecta+, un evento no que as principais produtoras audiovisuais, plataformas e creadoras de contido da península ibérica debaterán e intercambiarán experiencias con creadores galegos. As persoas interesadas en participar no encontro poderán formalizar a súa inscrición a través da web da Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización (CREA) ata este venres 5 de xaneiro.

A xornada Conecta+ trátase dunha ferramenta para poñer en contacto a creadores de Galicia con persoas profesionais da dirección e da produción, guionistas, persoas interesadas en desenvolver os seus proxectos, dotándoos de viabilidade económica e para promover a construción de equipos que combinen talento e capacidade de execución. Para iso o encontro aséntase en reunións un-a-un nas que as e os creadores que participen terán a oportunidade de presentar os seus proxectos a profesionais do audiovisual e recibir as súas opinións e orientacións para fortalecelos ou desenvolvelos. Deste xeito as persoas que desexen participar, ademais de formalizar a inscrición antes do 5 de xaneiro, deberán presentar un expediente ou guión completo dialogado no caso de curtametraxes ou unha memoria cun mínimo de dez páxinas no caso de longametraxes, series de televisión ou documentais.

Conecta+ enmárcase na iniciativa Conecta Lab, un programa impulsado pola Deputación de Pontevedra xunto con CREA, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e a única entidade española especializada na xestión de dereitos de autor de obras audiovisuais, DAMA, para acompañar, impulsar e promover seis proxectos audiovisuais emerxentes de proxección. Cinco destes proxectos serán seleccionados antes da xornada entre as máis de 200 persoas que se presentaron á convocatoria do programa, aberta a finais de outubro e pechada o 30 de novembro. O sexto será elixido polas produtoras e creadoras de contidos entre as e os participantes inscritos na xornada Conecta+ que acollerá a sede da institución provincial en Vigo o 20 de xaneiro.

Os seis proxectos participarán entre o 19 e o 29 de abril nun laboratorio creativo na Illa de San Simón no que traballarán, recibirán formación e convivirán con recoñecidos profesionais do audiovisual. Na edición de Conecta Lab do pasado ano participaron profesionais como Óliver Laxe, Álvaro Gago, Iziar Bollaín, Celia Rico, Carlos Marqués-Marcet, Mikel Rueda, Laura Sarmiento e Fernando Franco.