A Deputación leva este sábado a Marín unha actuación de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre no marco do programa +Música

O concerto financiado pola institución provincial forma parte das actividades organizadas co gallo das Festas da Virxe do Porto

05/09/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre que se celebrará este sábado 7 de setembro a partir das 21:00 horas na Alameda de Marín. Con +Música, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre presentarán o seu novo traballo, ‘Axúdame a sentir’, publicado este mesmo ano. O título é unha frase que lle dicía con frecuencia a Díaz a súa avoa materna, Obdulia, e ten moi presente a dualidade entre a humanidade e o virtual e as máquinas. Este é o cuarto traballo conxunto das dúas formacións, tras un camiño comezado fai agora unha década e co que xa realizaron máis de 400 actuacións por toda Europa e América.

O concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre forma parte da programación de concertos das Festas da Virxe do Porto, e é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.