Luis López participa nunha visita á biblioteca de Petelos, en Mos, na que a Deputación investiu 360.000 euros para a reforma do inmoble

A obra serviu para adaptar o edificio aos novos tempos e facelo máis accesible e máis eficiente enerxeticamente, ao tempo que lle ofrece mellores servizos á veciñanza

19/01/2024

Luis lópez na presentación da Copa Galicia BTT 3H Resistencia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comprobou este venres o remate da reforma do edificio da biblioteca e xulgados de paz da parroquia de Petelos, no concello de Mos. O mandatario provincial compartiu esta visita coas e cos escolares de primeiro e segundo curso de educación primaria do colexio de Petelos, que participaron nun obradoiro para coñecer a figura da poeta da comarca da Louriña que lle dá nome a este renovado inmoble, María Magdalena. Segundo sinalou o mandatario provincial, a obra serviu para adaptar o edificio aos novos tempos e facelo máis accesible e máis eficiente enerxeticamente, ao tempo que lle ofrece mellores servizos á veciñanza.

A reforma do inmoble, que supuxo o investimento de preto de 600.000 euros (dos que a Deputación achegou uns 360.000 euros ao abeiro do programa “ReacPon” e a Xunta, o resto) serviu para crear unha nova sala de uso exclusivamente infantil e así fomentar a lectura na primeira infancia, así como para mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética. Unha intervención que puido facerse realidade grazas á cooperación entre institucións que, como sostén Luis López, é o camiño para que os servizos á veciñanza e os equipamentos públicos vaian a máis.

Durante o encontro, o dirixente provincial participou tamén no obradoiro infantil para o deseño de marcapáxinas relacionados coa obra da poeta local María Magdalena. López charlou coas e cos escolares sobre a figura da escritora da Louriña e animounos a descubrir os seus poemas, que forman parte dos fondos da biblioteca municipal para que calquera veciña ou veciño poida consultalos. Neste sentido, o presidente da Deputación destacou que intervencións coma esta mellora da biblioteca de Petelos contribúen tamén a actuar no reto demográfico ao poñer á disposición da cidadanía os recursos que precisa.

A visita ao Concello de Mos completouse cun percorrido pola tamén rehabilitada casa reitoral, na que o párroco explicou a historia deste histórico inmoble.

Galerias de imaxes