A Deputación ten aberto ata este venres no Pazo provincial a mostra “Cines de Pontevedra” na que recupera a memoria e a ilusión das antigas salas da provincia

A mostra, promovida pola propia institución, busca recuperar os recordos dos vellos cines. Tralo seu paso polo Pazo provincial percorrerá os concellos da provincia

26/08/2024

O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra acolle ata o vindeiro venres a exposición “Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión”. A mostra, promovida pola propia institución, busca recuperar os recordos dos vellos cines, daqueles de sala única que se espallaron ao longo do século XX polas cidades, vilas e localidades da provincia e que, salvo contadas excepcións, pertencen xa ao pasado.

A mostra recupera testemuños da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio, e tamén a máis barata. Ademais de restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, as vivencias arredor do espectáculo do cine subsisten na memoria e nos recordos das últimas xeracións que coñeceron aqueles tempos. Deste xeito, o proxecto complétase coas  vivencias de persoas da provincia, un traballo para o que se realizaron máis de 500 enquisas.

Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión” poderase visitar no vestíbulo do Pazo provincial ata este venres, 30 de agosto, en horario de 9:00 a 20:00 horas. Está previsto que tralo seu paso por Pontevedra a mostra percorra os concellos da provincial.