A Deputación supervisa os traballos de execución de cunetas de seguridade e reposición de firme na estrada provincial EP-0508 Curro-San Amaro de Barro

A deputada provincial Isabel Couselo recorreu esta actuación de seguridade viaria que se está a desenvolver en varios tramos desta estrada provincial pola que transcorre o Camiño de Santiago

08/10/2024

Isabel Couselo recorreu esta actuación de seguridade viaria

A Deputación de Pontevedra está a executar cunetas de seguridade e obras de reposición de firme na estrada provincial EP-0508 Curro-San Amaro no Concello de Barro. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, recorreu a actuación que se está a desenvolver en varios tramos desta estrada provincial pola que transcorre o Camiño de Santiago. Trátase dunha obra enmarcada no acordo marco de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación de Pontevedra, que ascende a preto de 2 millóns de euros.

Segundo destacou Couselo, as obras que se están a realizar no Concello de Barro trátanse de operacións de mellora da seguridade viaria mediante a execución de cunetas en diferentes puntos da estrada provincial EP-0508 Curro-San Amaro. “Mediante estas cunetas - tal e como recordou a deputada- non só se vai mellorar a drenaxe da estrada mediante a evacuación das augas pluviais, senón que se vai xerar un espazo transitable máis seguros para os peóns nun tramo polo que transcorre, ademais, o Camiño de Santiago”. A actuación en Barro complétase tamén coa reposición da capa de rodadura da estrada.

Isabel Couselo lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación de Pontevedra, que ascende a 2 millóns de euros e que, no que respecta á zona na que se sitúa Barro, o lote 2, supón un investimento de máis de 800.000 euros.