A deputada Isabel Couselo supervisa xunto ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, os traballos de conservación de firme nas estradas provinciais do concello

Os dirixentes percorreron tramos das estradas provinciais EP-0307 Peso-Caroi e EP-0413 Paraños-Piscifactoría, nas que a Deputación está a investir máis de 80.000 euros

03/02/2024

A deputada Isabel Couselo supervisa xunto ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, supervisou xunto ao alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, os traballos de conservación de firme que se están a executar nas estradas provinciais ao seu paso polo concello. En concreto, Couselo e Cubela percorren tramos das estradas provinciais EP-0307 Peso-Caroi e EP-0413 Paraños-Piscifactoría, nas que a Deputación está a investir máis de 80.000 euros.

Na EP-0307 entre Peso e Caroi, na que a institución provincial inviste 60.000 euros, estase a actuar nun tramo de 930 metros. Pola súa banda, na EP-0413 entre Paraños e Piscifactoría, cun investimento de 23.000 euros, a actuación abrangue os primeiros 450 metros da vía. En ambas as estradas estanse realizando saneamentos puntuais e o fresado mais a reposición da capa de rodaxe, así como a instalación de nova sinalización, co obxectivo de garantir a seguridade viaria.

Tal e como informou a deputada provincial, unha vez rematadas as actuacións nestas dúas estradas provinciais, está previsto avanzar noutras tres ao seu paso polo concello de Cerdedo-Cotobade, cun investimento de máis de 82.000 euros. En concreto, trátase das estradas provinciais EP-0401 Carballedo-Caroi, EP-0404 Viascón-Cuspedriños e EP-0407 Borela-Ponte Caldelas. Nestas tres vías tamén se executarán tarefas de conservación e reposición de firme e de sinalización.

O Goberno provincial destinou en 2023 un total de 250.000 euros ás estradas provinciais en Cerdedo-Cotobade. Deste xeito, desenvolveu tarefas de desbroza entre maio e xuño e entre outubro e novembro, de instalación de sinalización vertical informativa nas estradas que discorren entre Carballedo e Caroi ou entre Vilanova e Tenorio. Tamén se puxeron en marcha cunetas de seguridade nas estradas provinciais entre Carballedo e Rebordelo e entre Peso e Caroi.

Galerias de imaxes