A Deputación de Pontevedra mostrará a súa experiencia na busca da sostibilidade no Museo de Pontevedra no Seminario Internacional ICOM Europa

A directora do Museo, Ángeles Tilve, ofrecerá unha conferencia neste evento que se celebra o 17 e 18 de xuño en Málaga

05/06/2024

O Museo de Pontevedra dará a coñecer o traballo que vén desenvolvendo a prol dun maior compromiso medioambiental no marco do Seminario Internacional ICOM Europa. Baixo o lema ‘Museos, turismo e innovación. Cara a un futuro sostible’, o evento celebrarase os días 17 e 18 de xuño en Málaga coa organización de ICOM España. No seminario, a directora do Museo, Ángeles Tilve, ofrecerá a conferencia “Museo de Pontevedra: o reto de alcanzar un equilibrio sostible”.

Na súa intervención na sesión matinal da primeira xornada, Ángeles Tilve explicará que a dispersión e características dos edificios do Museo de Pontevedra e a diversidade dos seus fondos converten nun reto o irrenunciable compromiso da entidade coa sostibilidade. Explicará as accións emprendidas e como, a través das súas coleccións e cunha programación atractiva, se fomenta que sexa un centro sostible desde os puntos de vista climático e social, ademais de converterse, cun impacto ambiental positivo, nun potente activo de desenvolvemento local.

Este seminario reunirá a máis de 20 expertos e profesionais de entidades como o Museo do Louvre, o Museo Arqueolóxico Nacional (MAN), o Museo do Prado, o MoMA de Nova York e a Galería da Academia de Florencia, para explorar a complexa relación entre museos, turismo e desenvolvemento sostible, coa innovación como foco clave. Está organizado por ICOM Europa, a alianza continental do Consello Internacional de Museos, e ICOM España, no marco da cuarta edición do CM Málaga, Culture & Museums International Tech Forum.

O seminario pretende ofrecer unha plataforma para que profesionais e futuros profesionais avalíen as prácticas actuais, compartan experiencias de éxito e propoñan estratexias para fomentar unha relación sostible entre o turismo e os museos. Intégrase no CM Málaga, Culture & Museums International Tech Forum, un espazo de debate sobre tecnoloxía, innovación e proxectos de vangarda que están a transformar a xestión de museos, centros culturais e lugares patrimoniais. O foro promove un modelo máis sostible, inclusivo e accesible para o sector cultural.