A Deputación organiza un seminario no Museo de Pontevedra sobre diferentes facetas de Casto Méndez Núñez no bicentenario do seu nacemento

Será o 2 de outubro, organizado polo Museo de Pontevedra, o Instituto de Historia e Cultura Naval da Armada e a Escola Naval Militar de Marín

23/09/2024

Cúmprense 200 anos do nacemento do mariño Casto Méndez Núñez (Vigo, 1824-Pontevedra, 1869). Por este motivo, o Museo de Pontevedra, xunto co Instituto de Historia e Cultura Naval da Armada e a Escola Naval de Marín, organizan o seminario “No bicentenario de Casto Méndez Núñez”, con sete conferencias nas que se tratan diferentes aspectos sobre a súa biografía e relevancia histórica e sobre os testemuños que del conservan o Museo Naval de Madrid e o Museo de Pontevedra. Na mesma xornada abrirase unha instalación temporal cunha selección dos fondos da colección do Museo relacionados co mariño.

O seminario desenvolverase o mércores 2 de outubro en horario de mañá e tarde. O acceso é libre, aínda que as persoas que desexen obter un certificado de asistencia poden inscribirse ata o 1 de outubro escribindo a reservas.museo@depo.gal. Está dirixido por José Manuel Sanjurjo Jul, vicealmirante e académico da Real Academia de Enxeñería, e José Manuel Castaño García, conservador emérito do Museo de Pontevedra.

Ao longo dos seus 45 anos de vida, Méndez Núñez realizou unha brillante carreira militar. O punto álxido de popularidade logrouno no combate do Callao, o 2 de maio de 1866, no que foi ferido estando ao mando da escuadra española no Pacífico. Isto supoñeríalle o seu ascenso a xefe de escuadra (contraalmirante no cambio de denominación levado a cabo en 1868). A sona que acadou entón quedou reflectida en diversas homenaxes e felicitacións, a creación de composicións literarias e artísticas e a realización de monumentos na súa lembranza.

Da súa traxectoria conserva o Museo numerosos fondos. Moitos deles puidéronse contemplar nas salas que desde 1943 se lle dedicaron no edificio García Flórez, na actualidade pendente de rehabilitación, contando tamén entón coa colaboración do Museo Naval de Madrid e da Escola Naval trasladada no devandito ano a Marín.

Programa do seminario

A sesión matinal, de 10:30 a 13:30 h, estará dedicada ao seu perfil como navegante e militar. Manuel Rolandi Sánchez-Solís abrirá o seminario cun achegamento aos principais fitos na biografía de Méndez Núñez, seguido da conferencia de Sanjurjo Jul, na que conectará o mariño pontevedrés coas innovacións na revolución naval acontecida no século XIX. Luis Mollá Ayuso trazará un percorrido pola súa carreira militar desde o ingreso na escola de Naútica ata o falecemento aos 45 anos. 

A sesión de tarde, de 16:00 a 19:30 h, centrarase nos fondos relacionados con Méndez Núñez que conservan o Museo Naval de Madrid e o Museo de Pontevedra. Precisamente abrirá a sesión unha conferencia de Castaño García na que introducirá o público nas coleccións ligadas ao mariño existentes na institución pontevedresa. Juan Escrigas Rodríguez, director do Museo Naval, fará o propio en relación cos fondos deste museo madrileño, apoiado principalmente na súa extensa colección de fotografía persoal. Natalia Fraguas Fernández, conservadora do Museo de Pontevedra, falará da contribución de Méndez Núñez ao coleccionismo científico a partir das cunchas, fósiles, minerais, corais e outros elementos que xuntou nas súas navegacións polo Pacífico e que actualmente se conservan no Museo. A última conferencia estará a cargo de Cristina Echave Durán, tamén conservadora do Museo, que falará da colección de fotografías reunida por Méndez Núñez durante a súa estancia en Latinoamérica entre 1865 e 1868.

Con motivo desta celebración exhibirase temporalmente, no claustro do edificio Sarmiento, unha selección de pezas que pertenceron ao mariño ou que estiveron intimamente relacionadas con el, como a maqueta da fragata blindada Numancia. Esta instalación abrirase o mesmo mércores 2 de outubro ás 19:30, cunha visita comentada co público asistente ao seminario.

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes