Luisa Sánchez descubre os segredos do órgano da Concatedral de Santa María no marco do Festival 8pés

20/11/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, puido coñecer hoxe da man do musicólogo Daniel Sanmartín Nieto o órgano da concatedral de Santa María “único en Vigo e un dos poucos feitos en España da súa época que aínda seguen en funcionamento”. Fíxoo no marco das actividades do Festival de Órgano de Vigo 8pés, que comezou onte cunha conversación a cargo da organista Montserrat Torrent na Sede de Vigo da Deputación.

“Un festival como este tiña que realizarse nesta Colexiata e con este espectacular órgano, delicadamente restaurado por Federico Acitores en 2017”, asegurou a vicepresidenta provincial tras coñecer os segredos do instrumento, construído en 1909 por Lope Alberdi e financiado pola veciñanza de Vigo. Luisa Sánchez remarcou o apoio da Deputación a citas como esta, “porque é a nosa obriga, a de todas as administracións, protexer, difundir e fomentar o valor dos bens do noso patrimonio cultural e contribuír ademais a que a nosa escena cultural teña un bo estado de saíde”.