A Deputación continúa esta fin de semana co programa “+Convivencia” con saídas de dúas entidades a Cangas, Bueu e Baiona

Serán preto de 130 as persoas que poderán desfrutar das excursións o sábado e o domingo, 54 da Asociación A Costa de Silleda e 72 da ANPA A Fracha de Ponte Caldelas

30/05/2024

A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana co desenvolvemento do novo programa “+Convivencia”, con dúas novas saídas de sendas entidades de Silleda e Ponte Caldelas. En concreto, este sábado 1 de xuño un grupo de 54 persoas da Asociación A Costa desfrutará dunha excursión a Cangas e Bueu. Pola súa parte, 72 persoas da ANPA  A Fracha, do CEIP Plurilingüe A Reigosa, coñecerán Baiona, onde farán unha visita á Pinta e levarán a cabo un roteiro polo litoral.

O programa provincial “+Convivencia”, que está dotado con 220.000 euros, ten por obxectivo que entidades sen fins de lucro da provincia compartan experiencias e creen espazos de participación ao tempo que coñecen o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. O programa provincial oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 € para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.