A Deputación de Pontevedra ultima o proxecto de mellora da estrada provincial EP-5005 A Cañiza-Pousa ao seu paso polo núcleo urbano de Crecente
A deputada provincial Isabel Couselo reuniuse co alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, para definir aspectos fundamentais dos traballos que se realizarán no treito antigo da vía de cara a humanizar o treito e convertelo nun espazo máis amable
18/12/2024
A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, mantivo un novo encontro de traballo co alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, para seguir avanzando no proxecto que permitirá realizar unha importante actuación de mellora do treito antigo da EP-5005 A Cañiza-Pousa ao seu paso polo núcleo urbano de Crecente.
A deputada provincial Isabel Couselo lembrou que se trata dun tramo de preto de 1,3 quilómetros desta estrada provincial que, segundo salientou o rexedor de Crecente, é unha obra prioritaria para o goberno municipal xa que permitirá humanizar e mellorar este treito que na actualidade presenta numerosas carencias tanto en seguridade viaria como en mobilidade peonil, converténdoo nun espazo máis amable para as persoas. A Deputación está a traballar man a man co Concello de Crecente na elaboración do proxecto. Este novo encontro, ao que tamén asistiron técnicos municipais, serviu para definir aspectos fundamentais das futuras obras na EP-5005, coas que a modernizada vía pasará a ser unha estrada accesible, moderna e con todas as garantías.
Esta non é a única actuación que a Deputación de Pontevedra ten previsto executar na EP-5005 A Cañiza-Pousa no concello de Crecente. O pasado mes de setembro, o presidente e o alcalde asinaron o convenio de colaboración para a execución dunha senda peonil de máis de 550 metros, cun investimento de máis de 245.000 euros aos que a institución provincial achegará o 80% (195.000) e o concello o 20% restante (49.000 €). As obras terán lugar na zona que une as localidades de Ponte Ribadil e Crecente, e ademais da senda de 2,5 metros na marxe esquerda da vía, o proxecto tamén inclúe a instalación de pasos peonís sobreelevados e mais a mellora da sinalización ao longo de todo o treito.