Luis López anuncia o investimento de 520.000 euros na reposición do firme na estrada provincial EP-6101 Bidueiros – Amedo, no concello de Dozón
15/11/2024
A Deputación de Pontevedra deu hoxe luz verde ao expediente para contratar as obras de reposición de firme na estrada provincial EP-6101 Bidueiros-Amedo, en Dozón, que conta cun orzamento total de 520.000 euros. “Seguimos avanzando para transformar as estradas provinciais –explicou o presidente provincial Luis López- co fin de alongar a súa vida e garantir a seguridade tanto de peóns como do tráfico rodado”.
En concreto o estado no que se atopa na actualidade a estrada entre Bidueiros e Amedo, en Dozón, fai necesario reparala, mediante ao saneamento e fresado da capa de rodadura. Posteriormente, realizarase o recrecido do firme existente mediante a extensión dunha capa de formigón bituminoso en quente.
A actuación contempla tamén a reposición da sinalización horizontal e vertical, co fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario e de mellorar a seguridade viaria.